Seminario de especialización de Luis Díaz González de Viana

O vindeiro xoves, día 19 de outubro de 2023, terá lugar no IEGPS o seminario de especialización titulado "Literatura de cordel oral e impresa: problemas en torno ao estudo do folclore e as `culturas populares´" impartido por Luis Díaz González de Viana.
Luis Díaz González de Viana é doutor en Filoloxía, antropólogo e escritor. Na actualidade é Profesor Ad Honorem do CSIC no Instituto de Lengua, Literatura y Antropología del Centro de Ciencias Humanas y Sociales de Madrid (CSIC), ademais de Secretario Executivo da “Cátedra de Patrimonio Cultural Inmaterial Europeo”, e membro de honra do Instituto de Estudios Europeos de la Universidad de Valladolid.
Foi Profesor Titular de Antropología Social da Universidad de Salamanca, Investigador Asociado do Departamento de Antropología da Universidad de California en Berkeley e profesor visitante en diversas universidades norteamericanas como Berkeley e Los Angeles (California), Austin (Texas) ou a UNAM (México). Ata a súa xubilación exerceu como Profesor de Investigación no xa mencionado Instituto de Lengua, Literatura y Antropología del Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC.
Editor de importantes coleccións de contos, romances e lendas populares de España, publicou máis de setenta obras individuais ou colectivas, boa parte delas dedicadas á realidade antropolóxica castelá e leonesa, como Castilla y León: imágenes de una identidad. Notas para un manual de etnografía (1997) ou, en coordinación con Dámaso J. Vicente Blanco, El patrimonio Cultural de Castilla y León. Dirixiu diversos proxectos de investigación e coordinou dous volumes de referencia internacional a partir da relectura de pregos madrileños baixo o título de “Palabras para el pueblo. Aproximación general a la Literatura de Cordel” (2000). Así mesmo, desde hai máis de dúas décadas, vén ocupándose en traballos pioneiros dos novos relatos do mundo contemporáneo ou como a cultura popular castelá e española pervive adaptándose á nosa época. Ao redor destas temáticas destacan os libros El regreso de los lobos. La respuesta de las culturas populares a la era de la globalización (2003), Narración y memoria: anotaciones para una antropología de la catástrofe (2008), Miedos de hoy. Leyendas urbanas y otras pesadillas de la sobremodernidad (2017) ou a reedición da súa celebrada obra Los guardianes de la tradición y otras imposturas acerca de la cultura popular (2019). Recentemente, publicouse un libro de homenaxe que recolle a súa traxectoria e titúlase Salvajes de acá y de allá. Memoria y relato de nos-otros (2022).
Ademais do xa devandito, é presidente da Asociación de Antropología de Castilla y León e membro de diversos comités de revistas da súa especialidade, como Disparidades. Tamén foi panelista da “Fulbright Comission” e do “Standing Committee for Humanities” da “European Science Foundation”.
Finalmente, pódese destacar que foi recoñecido con diversas distincións científicas ou literarias, como o Premio Castilla y León en Ciencias Sociales y Humanidades; o Premio Nacional de Investigación Cultural “Marqués del Lozoya” do Ministerio de Cultura ao mellor artigo; e o Premio de Novela “Ciudad de Salamanca” pola súa obra Los últimos paganos.

Scroll to Top