Biblioteca

ORIXE HISTÓRICA

A Constitución Española, que foi aprobada o 9 de decembro de 1931, poucos meses despois da
proclamación da Segunda República, estableceu que o Estado español estará integrado por municipios mancomunados en provincias e polas rexións que se constitúan en réxime de autonomía (art.8). Poderían lograr este réxime unha ou varias provincias limítrofes con características históricas, culturais e económicas comúns que acordasen formar un núcleo político e administrativo dentro do Estado español e que presentarán o seu correspondente Estatuto (art. 11). A aprobación dun estatuto requiría, en primeiro lugar, que fose proposto por a maioría dos seus Concellos ou, cando menos, aqueles cuxos municipios comprendan as dúas terceiras partes do censo electoral da rexión (art. 12).

En Galicia, a iniciativa partiu do concelleiro Enrique Rajoy Leloup quen, o día 19 de marzo de 1932, presentou no concello de Santiago de Compostela unha iniciativa solicitando a convocatoria dunha Asemblea Rexional de Concellos que elaboraría e aprobaría o proxecto de Estatuto para sometelo despois a plebiscito e á sanción das Cortes. Apenas un mes despois, o 27 de abril, o concello compostelán, presidido polo seu alcalde Raimundo López Pol, republicano, acordou convocar en Santiago unha comisión organizadora para levar adiante o proxecto. (CORES 1998, 14-15, 19).

Consultados pola comisión organizadora os demais concellos e co asentimento da inmensa maioría, foron convocados a unha asemblea preparatoria: os Deputados a Cortes por Galicia, as Comisións Xestoras das catro actuais provincias galegas, os alcaldes das capitais de provincia e de partido xudicial, os partidos políticos organizados en Galicia, as Cámaras de Comercio, Industria e Navegación, Sociedades Económicas de Amigos do País, Colexios de Avogados, Universidade, Asociacións Agrarias e de Traballadores, e, en xeral, todos cuantos elementos eran expoñentes da vida social galega. (IEGPS, Fondo Estatuto de Autonomía de Galicia, caixa 8).
O Estatuto de Autonomía de Galicia foi aprobado en plebiscito polo pobo galego o día 28 de xuño de 1936 e entregado para a súa aprobación ao presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, o día 15 de xullo de 1936.
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento organizou, con motivo do 75 aniversario da Asemblea dos Concellos de Galicia, unha exposición cos fondos documentais conservados no IEGPS e un ciclo de conferencias, cuxos textos foron publicados en Antón M. PAZOS (ed.), Xuntos por Galicia. A Asemblea de Concellos de 1932 e o Estatuto de Autonomía de Galicia, CSIC, Santiago de Compostela 2009 (Monografías de Cuadernos de Estudios Gallegos, 9).

PROCEDENCIA DO FONDO
Os documentos oficiais do Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936) foron doados ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento por Baldomero Cores Trasmonte (1929-2014).

CONTIDO

− Acta da constitución da Comisión Redactora do Estatuto Gallego.
− Anuncio da asemblea preparatoria sobre o Estatuto Gallego.
− Asistencias á reunión preparatoria do Estatuto Gallego.
− Relación de inscricións para o xantar popular.
− Asemblea preparatoria para a Rexional dos Concellos de Galicia sobre Autonomía e Formación do Estatuto Rexional.

− Invitacións á asistencia da reunión preparatoria.
− Artigos e propaganda do Estatuto.
− Emendas ao Estatuto.
− Adhesións da maioría dos Concellos de Galicia en prol da Autonomía

Máis información.
Baldomero CORES TRAMONTE, O Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936). Os documentos oficiais, Forum Galicia de Estudios Sociales (FOESGA), Santiago de Compostela, 1998.
Antón M. PAZOS (ed.), Xuntos por Galicia. A Asemblea de Concellos de 1932 e o Estatuto de Autonomía de Galicia, CSIC, Santiago de Compostela, 2009 (Monografías de Cuadernos de Estudios Gallegos, 9).

EL ARCHIVO FOTOGRÁFICO:

Scroll to Top