Biblioteca

MANUEL CHICHARRO BISSI, FOTÓGRAFO

Manuel Chicharro destacou na súa época porque se diferenciaba doutros compañeiros de profesión. A súa orixinalidade radica en que mentres moitos dos seus colegas se dedicaban á realización de retratos no estudio de xeito moi mecanizado e cunha técnica en ocasións non moi depurada, Chicharro foi quen de romper coa rixidez do estudio e explorar outros campos da fotografía como a arquitectura, a paisaxe ou o bodegón, apreciándose sempre un equilibrio entre o comercial e o artístico. Algunhas das súas fotografías gañaron premios en exposicións de carácter internacional como a Exposición Universal de Filadelfia de 1876 ou a de París de 1889.

Entre o máis destacado da súa obra atópase unha colección de imaxes de Santiago de Compostela e de vilas próximas na que podemos ver as sutís variacións que sufriu a cidade ó longo de tres décadas.

En todas as fotografías apréciase claramente unha depurada técnica. As súas imaxes destacan pola súa nitidez e profundidade e por unha composición cun equilibrio abraiante. Este coidado tamén o aplicaba ó traballo de laboratorio, no que demostra meticulosidade e enxeño para a aplicación de técnicas, como as montaxes ou a manipulación das imaxes mediante retoque no propio negativo.

Non debemos desmerecer a súa importancia como fotógrafo comercial. Neste aspecto ten especial relevancia a súa intervención na catalogación dos bens históricos pertencentes ó museo da Catedral de Santiago, onde fotografou un gran número de pezas, incluíndo a totalidade do Códice Calixtino.

Merece especial atención a súa Compostela Monumental (1884), portfolio no que publicou unha serie de fotografías da cidade acompañadas por un texto do historiador Bernardo Barreiro. É a primeira obra deste tipo que ve a luz en Galicia. A súa obra delata tamén o seu interese e participación en eventos sociais como visitas a Santiago de Compostela de altos mandos do goberno e da Igrexa, a celebración da Exposición Rexional Galega de 1909 ou a chegada do ferrocarril.

Colaborou periodicamente con publicacións de carácter liberal da época (periódicos, revistas...).

A súa biografía e a súa obra falan non só dun gran fotógrafo senón tamén dun intelectual que participou persoal e profesionalmente de modo activo na sociedade do seu tempo.

El ARCHIVO FOTOGRÁFICO CHICHARRO

La colección perteneciente al Instituto consta de un número aproximado de 1.300 placas de cristal, la mayor parte de ellas de 13x18 cm, aunque también las hay de 18x24 e de 10x15.

A colección pertencente ó Instituto consta dun número aproximado de 1.300 placas de cristal, a maior parte delas de 13x18 cm, se ben tamén as hai de 18x24 e de 10x15.

O estado de conservación das placas é regular pois a maior parte das pezas sofren alteracións químicas da emulsión debido a unha mala almacenaxe que provocou a aparición de varios tipos de mofos. Nalgúns casos -moi poucos- producíronse tamén desprendementos da emulsión ou rotura da propia placa.

A cronoloxía da colección é bastante ampla, ainda que é difícil determinar o ano no que se realizou unha imaxe concreta, xa que pode pertencer a calquera momento do período 1873-1924, cando Chicharro desenvolveu a súa actividade profesional.

 

Os temas tratados son moi variados: paisaxes, retratos ou edificios. Realizou ademais o inventariado de obxectos pertencentes ó museo da catedral de Santiago, como o Códice Calixtino, relicarios, vestimentas litúrxicas, moblaxe, tapices, etc.

O espazo é xeralmente o compostelán pero o seu espírito inquieto empurrouno a levar a súa cámara máis alá da cidade, sobre todo na zona da ría de Arousa, A Coruña e, en xeral, lugares próximos á capital.

O ARQUIVO FOTOGRÁFICO CHICHARRO:

Scroll to Top