Edificio

Edificio

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ten a súa sede, dende o ano 2000, no antigo Hospital de San Roque, un importante edificio renacentista levantado nos límites da zona vella compostelá.

A orixe deste edificio remóntase ao ano 1517, cando o cabido e rexemento composteláns acordaron levantar unha capela dedicada a San Roque, como expresión de gratitude tras verse libre a cidade dunha longa epidemia de peste. Porén, a súa obra non se iniciou daquela, senón en 1570, e foi complementada co propio Hospital, levantado a expensas do arcebispo Francisco Blanco Salcedo (1574-1581) e baixo a dirección do mestre Gaspar de Arce, un dos últimos representante da arquitectura renacentista de Galicia.

O edificio é de planta cadrada con patio central, en forma de claustro, organizado con dezaseis columnas, arredor do cal se desenvolven os distintos corpos da edificación. Todo o conxunto foi obxecto de diversas melloras e engadidos na segunda metade do século XVIII.

A portada, que mantén aínda a súa disposición orixinal, está formada por un arco de medio punto dentro de pilastras toscanas, co escudo de armas do prelado fundador, situadas no tímpano. Por riba da cornixa álzase, entre dous grandes xarróns, un corpo de pilastras lisas que albergan dúas fornelas coas imaxes de San Cosme e San Damián, os dous irmáns médicos, patróns dos hospitais; este segundo corpo está rematado cun frontón recto coa cruz e unha vieira no seu tímpano.

Trala súa adquisición pola Xunta de Galicia, o edificio foi sometido nos últimos anos do século pasado a unha profunda rehabilitación e adaptación funcional, co obxectivo de dotalo de espazos axeitados para os depósitos bibliográficos e o desenvolvemento de actividades de carácter científico e cultural. As novas instalacións foron inauguradas o 14 de febreiro do ano 2001.

Máis información:

Alcalá Navarro, Alfredo (Redacción do Proxecto)
Restauración do Hospital de San Roque, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2001.

Bonet Correa, Antonio
La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento; Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 1984.

 

Martínez, Pablo F.
"Hospitales de San Lorenzo y San Roque", Galiciarevista gráfica mensual, año 4, 19 (1935), páxs. 88-89.

Vázquez Pardo, Emilio
"El Hospital de San Roque", Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, t. 8, núm. 179 (1928), páxs. 186-189.

Scroll to Top