15º Coloquio Internacional Compostela

Desde a cuarta feira, 4 de outubro de 2023, até a sexta feira, 6 de outubro, este Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS) albergou a décimo quinta edición dos «Coloquios Internacionales Compostela», que versou acerca dos “Años Santos en Roma y Santiago de Compostela desde la Edad Media” e tivo o inestimable soporte da Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
Os «Coloquios Internacionales Compostela» convertéronse nun referente internacional nos estudos das peregrinacións. Celebráronse por vez primeira no ano 2008 e xa pasaron máis dunha centena de investigadores de Europa, Norteamérica, Asia, África e Oceanía, dando lugar á creación da rede CINPAC (Compostelan International Network on Pilgrimages and Culture) e a publicacións de referencia en editoriais académicas como Ashgate, Editorial CSIC e Routledge. En edicións anteriores tratáronse, entre outras cuestións de interese, o papel das mulleres nas rutas de peregrinación, as vellas e novas peregrinacións, o Camiño de Santiago como modelo de creación e xestión de novos itinerarios de peregrinación, a tradición xacobea da “translatio”, a “reinventio” dos restos apostólicos no século XIX ou as peregrinacións relixiosas na cunca mediterránea.
O seu obxectivo xeral foi o exame, dende unha perspectiva histórica, artística e patrimonial, dos «Anos Santos» de Roma e Santiago de Compostela. Con esta finalidade, contou coa participación do Dr. Mario Prignano, xornalista, director dos servizos informativos da Radiotelevisione Italiana (RAI) e ensaísta histórico; o Dr. Carlos Andrés González Paz, investigador do IEGPS; o Dr. Xosé Allegue Fernández, arquitecto do Consorcio de Santiago; o Dr. Domingo Luís González Lopo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; o Dr. Pierantonio Piatti, secretario do Pontificio Comitato di Scienze Storiche; o Dr. Arturo Iglesias Ortega, do Archivo de la Catedral de Santiago de Compostela; o Dr. Juan Manuel Monterroso Montero, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela; o Dr. Iago Seara Morales, profesor da Universidade da Coruña; o Dr. Stefano Trinchese, catedrático da Università Gabriele D’Annunzio; o Dr. Antón M. Pazos, científico titular do IEGPS, e o Dr. Giovanni Maria Vian, catedrático da Sapienza-Università di Roma e director honorario de L’Osservatore Romano.

(Programa)

Scroll to Top