A G-Night, (Galician Night of Researchers) Noite Galega dás Persoas Investigadoras, é unha iniciativa de divulgación científica que se organiza o 29 de setembro de 2023 en toda Galicia coordinado pola Universidade de Vigo. Esta lidera un consorcio formado por unha ducia de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e organismos públicos de investigación en Galicia, entre os que se atopa o CSIC. A European Researchers´ Night celébrase simultaneamente en preto de 400 cidades europeas, que se suman a esta iniciativa da UE, financiada polas Marie Sklodowska Curie Actions. No caso de Galicia, a G-Night desenvólvese con recursos propios das entidades que integran o consorcio, co apoio da Xunta de Galicia.
Celebrarase nas cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo, baixo o lema ‘Conciencias Creativas’; nelas desenvolveranse diferentes actividades de divulgación e entretemento en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares, nun ambiente festivo, co obxectivo de dar a coñecer o valor do traballo que desenvolve o persoal científico e técnico, así como a importancia da súa actividade na sociedade.
Santiago de Compostela participa con varias actividades (http://gnight.gal/cidades/santiago/) das que dúas son organizadas por este Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS).
A primeira delas será o taller titulado “Que non, que non é élfico! Obradoiro para descifrar as escrituras antigas” dirixido a un público xuvenil (11-14 anos) no que se falará da Paleografía como ciencia historiográfica que posibilita a lectura e interpretación das escrituras antigas e dos utensilios e as prácticas dos escribanos, entre outros aspectos, nun percorrido polos distintos tipos de letra desde a Idade Media á Moderna. Ademais, os asistentes fabricarán a tinta e crearán o seu propio pergamiño, escrito con pluma, seguindo os modelos históricos. Terá lugar o 29 de setembro no salón de actos do Antigo Hospital de San Roque, sede deste Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) ás 18:00 h. Esta actividade é gratuíta, previa inscrición no correo divulgación@iegps.csic.es
A segunda das actividades previstas consistirá nun roteiro titulado “A pegada das mulleres nas rúas de Compostela: unha viaxe pola nosa historia” que sairá do claustro do colexio de Fonseca e que percorrerá as rúas do centro histórico compostelán ata finalizar no propio IEGPS (rúa de San Roque). Ao longo do roteiro seleccionaranse algúns lugares de especial significación para coñecer a historia das mulleres compostelás desde a Idade Media ata a contemporaneidade, ofrecendo breves explicacións histórico-artísticas por parte de persoal do IEGPS. Esta actividade é gratuíta e tamén terá lugar o 29 de setembro, ás 19:00 h, con saída, como xa se dixo, desde o claustro do colexio de Fonseca.