X pílula CSIC do Seminario de Estudos Galegos: “Os presidentes do Seminario”. Outubro de 2023

(https://iegps.csic.es/wp-content/uploads/2023/02/Pildora-10-Presidentes_GAL.mp4)

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, únese á efeméride do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG), institución científica e cultural creada en 1923 e ligada á Universidade de Santiago de Compostela cuxo obxectivo principal era estudar e divulgar o patrimonio cultural galego.
Neste contexto, continua a iniciativa promovida polo IEGPS, co apoio da Unidade de Cultura Científica (UCC) da Delegación do CSIC en Galicia: as “Pílulas CSIC do Seminario de Estudos Galegos”. Trátase dun total de 12 pezas audiovisuais cuxo labor é dar a coñecer o patrimonio do Seminario que se atopa custodiado no IEGPS.
A décima destas pezas, titulada “Os presidentes do Seminario”, fai un percorrido polos que foron os seus máximos responsables: Armando Cotarelo Valledor, catedrático e vicerreitor da Universidade de Santiago, político e filólogo, impulsor da creación do Seminario, que dirixiu a sección de Filoloxía e Historia da Literatura. Salvador Cabeza de León, tamén catedrático e vicerreitor da universidade compostelá, en cuxa presidencia se acordou a estruturación do Seminario en seccións, a inclusión dos distintos campos de “Cencias Naturás”, e iniciou os traballos de campo ou “xeiras”, ademais de comezar a publicación dos Arquivos do Seminario. Despois do seu falecemento, en 1934, foi elixido presidente o catedrático Luis Iglesias Iglesias, cargo que ocupou ata o seu nomeamento como reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Finalmente, en 1936, foi elixido presidente o catedrático e escritor Ramón Otero Pedrayo, cargo que ocupou ata a liquidación do Seminario en 1940. Xunto a todos eles, baixo a presidencia de Cotarelo, nomeouse presidente honorario do SEG a Manuel Lago González, arcebispo de Santiago, cargo honorífico que só ocupou uns meses ao falecer en marzo de 1925.

Scroll to Top