Entrega de premios do IV concurso de debuxo “Xosé Antón García G.-Ledo. Debuxando o noso patrimonio”

O próximo día 30 de novembro de 2023, ás 16:30h, este Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento organiza o acto de entrega de premios da IV edición do concurso de debuxo para centros escolares “Xosé Antón García G.-Ledo. Debuxando o noso patrimonio”. O acto contará coa presenza da vicedirectora do IEGPS, Amparo Rubio Martínez, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Estes premios renden homenaxe ao artista e investigador Xosé Antón García González-Ledo (1949-2015), debuxante arqueolóxico e estudoso de Galicia que traballou neste Instituto durante moitos anos.
Nesta edición participaron máis de 50 estudantes, de 3 colexios de Santiago, distribuídos en 4 categorías: 1º-2º de Primaria; 3º-4º de Primaria; 5º-6º de Primaria; e 1º-2º de ESO. Ademais do premio a cada unha destas categorías, o xurado, pola súa especial calidade, entregará un premio especial, “80 Años del Instituto Padre Sarmiento”, xa que ese mesmo día, o 30 de novembro, cumpriranse 80 anos da creación do Instituto en 1943, adscrito ao Patronato de humanidades Marcelino Menéndez y Pelayo del Consejo Superior de Investigaciones Científicas.
O obxectivo deste concurso é fomentar e involucrar nos máis pequenos o interese polo respecto, coidado e divulgación do patrimonio histórico-artístico galego a través da súa expresión plástica. Para iso, os participantes debuxaron un monumento ou testemuño que teña valor histórico, arqueolóxico ou patrimonial (igrexas, parques, esculturas, pazos, escudos…) da cidade de Santiago de Compostela, declarada en 1985 Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO.

Scroll to Top