XI pílula CSIC do Seminario de Estudos Galegos: “A fotografía no Seminario”. Novembro de 2023

(https://iegps.csic.es/wp-content/uploads/2023/02/Pildora11-Fotografia_gal.mp4)

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, únese á efeméride do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG), institución científica e cultural creada en 1923 e ligada á Universidade de Santiago de Compostela cuxo obxectivo principal era estudar e divulgar o patrimonio cultural galego.
Neste contexto, continua a iniciativa promovida polo IEGPS, co apoio da Unidade de Cultura Científica (UCC) da Delegación do CSIC en Galicia: as “Pílulas CSIC do Seminario de Estudos Galegos”. Trátase dun total de 12 pezas audiovisuais cuxo labor é dar a coñecer o patrimonio do Seminario que se atopa custodiado no IEGPS.
A undécima destas pezas, titulada “A fotografía no Seminario” fai un percorrido polo labor de catalogación iconográfica levada a cabo polo SEG durante os seus anos de traballo. En 1926 creouse o “Arquivo gráfico” baixo a dirección do arquitecto Constantino Candeira, ao que seguiron J. Fernando Figueira Valverde, Jesús Carro ou Robustiano Fernández Cochón. O “Arquivo gráfico” nutriuse fundamentalmente dos traballos realizados durante as “xeiras” ou campañas de investigación, onde cobraron gran importancia os elementos gráficos como ilustracións e fotografías. Unha parte das imaxes son obra de Luis Casado, recoñecido fotógrafo galego, que traballou baixo o nome artístico de Ksado. Este participou activamente na vida cultural da época, colaborando con xornais e revistas, desenvolvendo e publicando diversas compilacións de fotografías, como “Estampas Compostelás” (1927), ademais de ser un activo colaborador do SEG. Algunhas das súas fotografías, que se conservan no IEGPS, forman xa parte da historia do Seminario.

 

Scroll to Top