O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) participa o sábado 2 de decembro de 2023 en CULTURGAL 2023 coa actividade “Buscando o Seminario de Estudos Galegos”.

No Pazo da Cultura de Pontevedra do 1 ao 3 de decembro de 2023, celebrarase a 16ª edición de CULTURGAL, Feira das Culturas Galegas. Está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. O seu obxectivo é poñer en contacto a empresas e creadores con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Forman parte dela as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
“Buscando o Seminario de Estudos Galegos” é unha iniciativa promovida por este Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC, XUGA) e a Delegación Institucional do CSIC en Galicia a través da súa Unidade de Cultura Científica. Terá lugar o sábado 2 de decembro de 2023, en horario de mañá (de 12.00 a 14.00 horas) e tarde (de 16.00 a 18.00 horas).
A actividade consistirá na realización dun conxunto de xogos co obxectivo de dar a coñecer o que foi o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Estes xogos son: un de rapidez visual, de “Busca e atopa”, no que o desafío será localizar diversos elementos relacionados co SEG nun mapa de Galicia; un xogo de memoria de cartas co que tratar de descubrir as parellas; e, finalmente, un xogo consistente nun concurso de pistas para saber quen é o que mellor coñece o SEG. Ademais, as persoas participantes poderán levar unha chapa personalizada co elemento atopado e algún outro agasallo.
Os organizadores das actividades son Jeniffer Fernández González e Miguel García-Fernández, ambos persoal do IEGPS.
O xa centenario Seminario de Estudos Galegos foi unha asociación científica e cultural creada en 1923 e ligada á Universidade de Santiago de Compostela. O seu obxectivo principal era o estudo sistemático de todas as manifestacións da cultura galega, tendendo á formación de investigadores e á divulgación do resultado dos traballos. Integrou entre os seus membros a intelectuais de diversos ámbitos, sobre todo persoal docente e alumnado da Universidade, membros da Xeración Nós, creadores e artistas… en suma, ás persoas máis sobresalientes da cultura galega, amantes de Galicia. O SEG foi o inmediato antecesor nas súas seccións humanísticas deste Instituto, fundado en 1943, adscrito ao Padroado Marcelino Menéndez y Pelayo do CSIC.

Scroll to Top