Visita especial de homenaxe do IEGPS, nos seus 80 anos, ao Seminario de Estudos Galegos, no seu Centenario, á exposición "Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura"

O día 28 de novembro de 2023 o Museo Centro Gaiás organiza unha visita especial coordinada por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, profesor ad honorem do CSIC e director honorario do IEGPS, recentemente galardoado co Premio Cultura Galega 2023 (Patrimonio Cultural), acompañado por persoal do Instituto, para poñer de relevo o legado do Seminario de Estudos Galegos que atesoura o propio IEGPS como entidade científica do CSIC continuadora do labor investigador daquel nas disciplinas humanísticas; de aí que a maior parte das pezas expostas en Luz na Terra, e que se destacarán durante a visita, procedan dos fondos deste Instituto.
Xunto ao propio Eduardo Pardo de Guevara, as explicacións sobre as diversas pezas expostas –fotografías, documentos, esculturas, pinturas, pezas arqueolóxicas, material bibliográfico etc.- correrán a cargo de Isabel Romaní, Rosario Valdés, Jeniffer Fernández, María Rivo, Miguel García-Fernández e Pablo Otero, actual director do IEGPS.
Obras de Colmeiro, Lloréns, Maside, Villafínez, Castro Arines, Díaz Baliño, Juan Luis, Compostela ou Asorey, que habitualmente se exhiben en diferentes estancias do IEGPS, serán debidamente contextualizadas no fecundo labor realizado polo Seminario durante os seus anos de prolífica actividade científica e cultural.
Para participar nesta visita guiada á mostra Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, soamente é necesario reservar praza, gratuitamente, seleccionando a quenda de preferencia na columna da dereita da páxina web https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/visitas-especiais-luz-na-terra-o-seminario-de-estudos-galegos-unha-institucion-de-alta

 

Scroll to Top