Seminario doutoral de José Martínez Crespo

O próximo 6 de marzo de 2024, mércores, terá lugar no IEGPS a inauguración dun novo ciclo de seminarios, denominados “Seminarios doutorais”, cuxo obxectivo é ofrecer ao público xeral os resultados das teses doutorais de temática afín ás liñas de investigación en curso no IEGPS defendidas nos dous últimos anos en calquera universidade ou centro de investigación, nacional ou estranxeiro. Desta maneira, os novos doutores poderán aproveitar o exercicio de defensa da súa tese doutoral e difundilo ás persoas interesadas nun ambiente máis sosegado. Ou primeiro, titulado “La flota de Indias y el combate de Rande (1699-1704)”, será impartido por José Martínez Crespo. 
José Martínez Crespo é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese titulada “La flota de Indias y el combate de Rande en Galicia: estudio histórico y colección documental (1699-1704)”, defendida o 15 de decembro de 2023, Programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte, e foi dirixida por Miguel Romaní Martínez (†) e Antonio Sánchez González, actuando como titor na Facultade de Xeografía e Historia Gonzalo F. Fernández Suárez. José Martínez Crespo é Catedrático e xefe do Departamento de Xeografía e Historia no IES de Sar de Santiago de Compostela.
Entre as súas principais liñas de investigación están o estudo do corsarismo e a piratería berberisca en Galicia, a antiga festividade do Corpus Christi e as súas manifestacións gremiais, participando na recuperación de antigos elementos relacionados coas figuras e o vestiario histórico da celebración, e outros traballos de investigación e edición documental sobre temas diversos de historia local e rexional de Galicia desde a Idade Media. Actualmente investiga a asistencia sanitaria en Redondela (Pontevedra) entre os séculos XVI e XIX e a fundación e evolución histórica do convento de frades Franciscanos e das monxas Justinianas daquela localidade.
Entre as súas numerosas publicacións cabe destacar: A Guerra na Galicia do Antigo Réxime. Textos e contextos (ss. XVI-XIX) e Corpus Christi en Redondela: figuras, vestido e historia, publicadas en 2007 e 2008 respectivamente. Así mesmo, é autor de capítulos de libro como “La visita pastoral de 1528-29 a las iglesias del Arciprestazgo de Redondela” con M. L. Ríos Rodríguez e J. García Oro en Las iglesias de Galicia en el Renacimiento y el gobierno episcopal. Visitas pastorales y reformas (2009); e tamén de numerosos artigos publicados en diversas revistas como “Aproximación a la imaginación del más allá en la Galicia de la Baja Edad Media (ss. XII-XV)”, Pontevedra. Revista de Estudios (1991), ou “Después de Lepanto: corsarios turcos y berberiscos en las costas de Galicia en el siglo XVII”, Cuadernos de Estudios Gallegos (2017).

 

Scroll to Top