Seminario de especialización de Luis Miguel de la Cruz Herranz

O vindeiro luns, 25 de abril de 2022, terá lugar no IEGPS o seminario de especialización “Los fondos eclesiásticos gallegos en el Archivo Histórico Nacional” impartido por Luís Miguel de la Cruz Herranz, Xefe da Sección de Clero do Archivo Histórico Nacional.
Luís Miguel de la Cruz Herranz é licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia pola Universidade Complutense. Funcionario do Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos desde 1986, con destinos no Archivo General de la Administración (Alcalá de Henares), entre 1987-1989, e desde este último ano no Archivo Histórico Nacional, onde desde 2001 está encargado da Sección de Clero secular e regular.
Levou a cabo varias asesorías técnicas en arquivos de Ibero América a pedimento da Agencia Española de Cooperación Internacional e do Ministerio de Cultura. Así mesmo, imparte docencia en materias relacionadas coa Arquivística, Paleografía, Diplomática e Historia dos Arquivos en Cursos de posgrao, Master, etc. Formou parte de Proxectos de Investigación coas universidades de Sevilla, Zaragoza e Santiago de Compostela.
No campo da investigación son dúas as súas principais liñas. Unha, é a Historia dos arquivos españois, onde tamén se destaca o papel desempeñado polos arquiveiros no desenvolvemento do movemento historiográfico da súa época, prestando unha atención especial nos arquiveiros medievalistas, que foron pioneiros no nacemento e desenvolvemento desta especialidade en España. A outra, oriéntase ao estudo dos fondos documentais eclesiásticos, especialmente os arquivos monásticos, as vicisitudes que sufriron desde as súas orixes e a dispersión dos seus fondos polas desamortizacións eclesiásticas.
É autor de numerosos artigos de investigación e de máis de 60 voces no Diccionario Biográfico Español, Madrid: Real Academia de la Historia, 2010-2013.

Scroll to Top