Presentación do libro “Los monasterios del reino de Galicia entre 1075 y 1540: de la reforma gregoriana a la observante"

O vindeiro luns, 25 de abril de 2022, terá lugar no IEGPS a presentación do libro “Los monasterios del reino de Galicia entre 1075 y 1540: de la reforma gregoriana a la observante” cuxo autor é Francisco Javier Pérez Rodriguez e que contará coa presenza do Conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez González.
Francisco Javier Pérez Rodríguez é doutor en Xeografía e Historia, sección Historia, especialidade Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2001 é Profesor Titular de Historia Medieval da Universidade de Vigo, destinado na Facultade de Historia do Campus de Ourense, salvo entre abril de 2018 e agosto de 2020, período no que traballou como Investigador Científico de Organismos Públicos de Investigación no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do CSIC, en Santiago de Compostela.
A súa liña de investigación principal é a Historia da Igrexa nos reinos occidentais da Península ibérica entre os séculos XII e XV, con especial dedicación ao reino de Galicia. Entre as súas publicacións poden destacarse El cabildo de Santiago de Compostela en la Edad Media (1100-1400) e varios traballos sobre distintos mosteiros medievais galegos, tanto en xeral -Los monasterios del reino de Galicia entre 1075 y 1540: de la reforma gregoriana a la observante- como en particular -O mosteiro de Toxosoutos na Idade Media. Séculos XII e XIII-. Dedicouse tamén á edición de fontes medievais, sendo a súa obra máis destacada a publicada xunto a B. Vaqueiro Díaz: Colección documental de la catedral de Ourense (888-1300), editada en dous volumes.
O libro concíbese como un díptico co que se ofrece unha visión do monacato en Galicia entre finais do século XI, cando se pon en marcha a reforma gregoriana, e as décadas iniciais do século XVI, cando se pecha a reforma observante. No primeiro volume abórdase a realidade dos mosteiros e os cambios que experimentaron durante os dous fitos maiores da súa historia: a reforma gregoriana (últimos decenios do século XI e primeiros do século XII) e a reforma observante,ordenada polos Reis Católicos e o papa en 1487. O segundo volume reúne e presenta un completo catálogo das distintas casas existentes entre os séculos XII e XV, ofrecendo unha síntese pormenorizada e crítica do que se sabe acerca de cada unha delas. O volume estrutúrase nos grupos seguintes: os mosteiros masculinos repártense entre benedictinos, benedictinos dependentes de abadías francesas, cistercienses, cóengos regulares de san Agustín, mosteiros de ordes militares, e colexiatas e abadías seculares; a continuación, figuran as casas femininas e pechan a obra un grupo de mosteiros que deixan de selo durante a reforma gregoriana, en torno ao ano 1100.

 

Scroll to Top