Clausura dos actos conmemorativos dos 250 anos do falecemento do Padre Sarmiento.

O vindeiro día, 1 de decembro, ás 19h, terá lugar a conferencia de clausura das actividades conmemorativas do 250 aniversario do falecemento de frei Martín Sarmiento. Será impartida polos Dres. Marcos Martinón-Torres (University of Cambridge) e Miguel Carrero Pazos (Universidade de Oviedo), baixo o título O Padre Sarmiento e o megalitismo: tres séculos de arqueoloxía en Galicia. A continuación, servirase un viño de honra. Está aberta ao público en xeral ata completar aforo, pero é necesario confirmar asistencia no telefóno 981540009 ou no correo electrónico direccion.iegps@csic.es

Marcos Martinón-Torres é licenciado en Historia, con Premio Fin de Carrera, pola Universidade de Santiago de Compostela e doutoramento polo University College London, e é, na actualidade, catedrático Pitt-Rivers de Ciencia Arqueolóxica da Universidade de Cambridge. Desde 2018, coordina na Universidade de Cambridge unha plataforma interdepartamental de laboratorios dedicados ás ciencias de arqueoloxía e patrimonio (Cambridge Heritage Science Hub, CHERISH), ademais de supervisar a un equipo de investigadores que inclúe a especialistas en ciencias dos materiais, xeoloxía, física, bioquímica, xenética, proteómica e supercomputación, entre outras ramas da ciencia aplicadas á arqueoloxía. Dirixiu 30 tese doutoral e entre as súas publicacións cóntanse oito libros e máis de 170 artigos e capítulos de libros en sete idiomas. Na actualidade dirixe un proxecto financiado con 2.5 millóns de euros polo Consello Europeo de Investigación, centrado na acción colectiva e as tecnoloxías complexas en sociedades non estatais.

Marcos Martinón-Torres avanza que as contribucións do Padre Sarmiento a disciplinas como a xeografía, a filoloxía, a botánica e a historia, son ben coñecidas. Nesta conferencia tratarase de poñer en valor unha faceta menos coñecida do seu traballo: a arqueoloxía. Repasando os seus escritos, e en particular as súas referencias a mámoas e dolmens/dólmenes prehistóricos de Galicia, descubriremos ao Padre Sarmiento como un pioneiro na defensa dos restos do pasado como un patrimonio que merece a pena protexer, estudar e divulgar. Dando un salto no tempo, empregaremos métodos científicos modernos como a teledetección mediante LiDAR para tratar de situar sobre o terreo algúns dos monumentos megalíticos citados polo Padre Sarmiento. Desta forma poderanse valorar tamén algúns avances da arqueoloxía do últimos tres séculos, así como o gran reto de protexer o patrimonio arqueolóxico nunha era de desenvolvemento industrial.

 

Scroll to Top