Entrega de premios do III concurso de debuxo “Xosé Antón G. González Ledo. Debuxando o noso patrimonio”

O próximo día 30 de novembro, ás 16:30 h, este Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento organiza o acto de entrega de premios da III edición do concurso de debuxo para centros escolares “Xosé Antón G. González Ledo. Debuxando o noso patrimonio”. O acto contará coa presenza da vicedirectora do IEGPS, Amparo Rubio Martínez, e do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Estes premios renden homenaxe ao artista e investigador Xosé Antón García González-Ledo (1949-2015), debuxante arqueolóxico e estudoso de Galicia que traballou neste Instituto durante moitos anos.
Nesta edición participaron en total 168 estudantes, de 7 colexios de Santiago, distribuídos en 5 categorías: 1º-2º de Primaria; 3º-4º de Primaria; 5º-6º de Primaria; 1º-2º de ESO; e 3º-4º de ESO. Ademais do premio a cada unha destas categorías, o xurado, pola súa especial calidade, entregará o premio especial "250 aniversario Fr. Martín Sarmiento", xa que este ano cúmprense 250 anos do falecemento do ilustre sabio benedictino, “padroeiro” deste Instituto.
O obxectivo deste concurso é fomentar e involucrar nos máis pequenos o interese polo respecto, coidado e divulgación do patrimonio histórico-artístico galego a través da súa expresión plástica. Para iso, os participantes debuxaron ou ilustraron un elemento que forma parte dun monumento que teña valor histórico, arqueolóxico ou similar (igrexas, parques, esculturas, pazos, escudos…) da cidade de Santiago de Compostela, declarada en 1985 Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO.

Scroll to Top