O IEGPS, centro mixto do CSIC e da Xunta de Galicia, para conmemorar os 250 anos do falecemento do Padre Sarmiento, organizou unha conferencia impartida polo Dr. Isidro García Tato, titulada O Padre Martín Sarmiento. Semblanza dun bieito galego ilustrado, que terá lugar o próximo día 9 de marzo, ás 13h, no salón de actos do antigo hospital de San Roque.
A figura de Frei Martín Sarmiento é unha das máis grandes personalidades da Ilustración española. Ao acollerse baixo o seu nome, conforme aos desexos xa expresados en tempos do vello Seminario de Estudos Galegos, o IEGPS quixo render homenaxe ao prestixio intelectual deste insigne benedictino galego e facer realidade, ao propio tempo, a idea que el mesmo imaxinou no seu “Onomástico Etimológico da Lingua Galega”; é dicir, aglutinar un grupo de amantes da verdade - alethóphilos, como el chamábaos- que traballasen sobre uns mesmos principios e para un mesmo fin a favor de Galicia.
O balance das achegas do IEGPS ao longo dos seus xa case oitenta anos de vida son, a xuízo do seu director, Eduardo Pardo de Guevara, a proba incontestable e extraordinaria de que todos os seus membros e colaboradores foron fieis a este patronazgo e nunca fixeron abandono desa vocación de servizo á ciencia e a cultura de Galicia.