O próximo 21 de marzo de 2024, ás 10.30 h, terá lugar no IEGPS o seminario de especialización titulado “Historia de las (bio)invasiones en Galicia: mecanismos, gestión e impactos en el patrimonio natural” impartido por Sergio Rodríguez Roiloa (UDC). Este Seminario organizado polo IEGPS enmárcase na celebración do Día do Naturalismo Galego, iniciativa xurdida no 2023 e á que se adheriu a Delegación do CSIC en Galicia para homenaxear a figura do sabio bieito frei Martín Sarmiento, patrón deste Instituto, un dos primeiros naturalistas de Galicia e pioneiro dos estudos científicos nas súas materias.
Sergio Rodríguez Roiloa doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2005 e completou a súa formación con estadías postdoutorais nas universidades de Massachusetts (EUA), Sussex (Reino Unido) e Coimbra (Portugal). Na actualidade é Profesor Titular da Universidade da Coruña (UDC) na materia de Ecoloxía do Grao en Bioloxía da UDC, así como de Invasións Biolóxicas do Mestrado Interuniversitario en Biodiversidade Terrestre: Caracterización, Conservación e Xestión, das tres universidades públicas galegas (SUG).
A súa principal liña de investigación céntrase no estudo dos mecanismos de invasión das plantas, con especial interese na importancia que para o éxito invasor confiren os atributos asociados á clonalidade.
É autor de máis de 60 publicacións científicas en revistas do JCR de alto impacto e presentou comunicacións en máis dunha quincena de congresos internacionais. Foi IP dun proxecto do Plan Nacional, dunha Acción Integrada do Ministerio de Ciencia e Innovación, e de proxectos financiados pola British Ecological Society e a Linnean Society of London. Ademais, participou como membro do equipo de investigación nun total de 15 proxectos competitivos, incluíndo autonómicos, nacionais e europeos. Así mesmo, dirixiu dúas teses de doutoramento, 17 Traballos Fin de Mestrado e 30 Traballos Fin de Grao, e participa como editor ou avaliador en numerosas revistas científicas da súa especialidade