Os días 26 e 27 de febreiro de 2024, celebrarase no IEGPS o coloquio internacional “De Conques a Santiago de Compostela. Textos, monumentos, actores" baixo a dirección de Adeline Rucquoi, doutora vinculada ao citado Instituto e membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. Este Comité, cuxa función esencial é asesorar a Xunta de Galicia nos temas relacionados co Camiño de Santiago –itinerarios, publicacións, centros de estudos, congresos, exposicións e revistas– está presidido por Manuel Castiñeiras González, outro dos relatores do coloquio. O Coloquio Internacional conta coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia.
Esta iniciativa de colaboración xorde no marco da firme aposta realizada ao longo dos últimos anos pola Xunta de Galicia para o estudo e divulgación dos Camiños de Santiago, entendidos estes como activos culturais e económicos de primeira orde. Neste sentido, desde a súa propia fundación –hai xa 80 anos– e con renovada intensidade nas últimas décadas, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) ten entre as súas liñas de investigación a análise do fenómeno xacobeo e das rutas de peregrinación, o que xerou un importante número de publicacións científicas e numerosas accións de transferencia, divulgación e encontros científicos.
O obxectivo deste coloquio é analizar diversos aspectos do Camiño de Santiago tendo en conta que nos séculos XI e XII se advirte un intenso movemento de persoas, ideas e técnicas entre ambos os dous lados dos Pirineos. Durante moito tempo, o Camiño de Santiago foi considerado a ruta que, de Norte a Sur, contribuíu á difusión do que comunmente se denomina arte románica. Porén, os estudos realizados nas últimas décadas demostraron que o libro quinto do Códice Calixtino, que menciona catro vías, data probablemente da década de 1120, e que historicamente só existiron en Francia as de Tours e Arlés. Outros estudos permitiron afinar a cronoloxía dos edificios, atribuíndolles datas anteriores ou posteriores, destacando transformacións máis ou menos antigas, arrepentimentos, solucións orixinais, similitudes e diferenzas. Os textos producidos por ou arredor destes mosteiros e igrexas –crónicas, haxiografías, relatos de milagres etc.– co obxectivo de exaltar o fundador ou o santo patrón e atraer doazóns e peregrinos contribuíron ao seu renome; a súa datación, tanto a da súa redacción como a da(s) súa(s) reescrita(s), bota luz sobre a evolución dos santuarios. Por último, pero non por iso menos importante, os actores implicados –prelados, clérigos, aristocracia, arquitectos e artesáns, artistas ou mecenas– desempeñaron un papel esencial no intercambio de saberes entre o Norte e o Sur da cordilleira pirenaica.
Os relatores convidados ao Coloquio Internacional son:
- Sébastien Fray (Université de Saint-Étienne): “Les sources écrites de Conques dans leur environnement régional”.
- Éric Sparhubert (Université de Limoges): “Saint-Martial de Limoges, Saint-Léonard-de-Noblat et Conques: l'autorité d'un modèle monumental entre expression de la dignité ecclésiastique et concurrence”.
- Quitterie Cazes (Université de Toulouse): “Saint-Sernin de Toulouse y Moissac”
- Adeline Rucquoi (CNRS, Paris – Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Santiago de Compostela): “Hombres y obras entre norte y sur de los Pirineos”.
- David Chao (Universidade de Santiago de Compostela): “Indefiniciones, ajustes y relecturas arquitectónicas de las primeras fases constructivas de la catedral románica”.
- Victoriano Nodar (Universidade de Vigo): “Modelos, temas y artistas de Conques y Aveyron en el primer taller de la Catedral de Santiago de Compostela".
- Manuel Castiñeiras (Universidad Autónoma de Barcelona e Presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago): “Arthur Kingsley Porter, Conques y Compostela: a propósito de los portales historiados de Platerías”.
- Javier Martínez de Aguirre (Universidad Complutense de Madrid): “Las catedrales románicas de Jaca y Pamplona, entre Conques y Compostela: nodos, redes, personas y territorios”.
- Marta Cendón (Universidade de Santiago de Compostela): “Conques, Braga y Tui. Similitudes y diferencias”.
Os relatorios desenvolveranse durante as mañás dos días 26 e 27 de febreiro entre as 9.00 e as 14:00 h no Salón de Actos do Antigo Hospital de San Roque, sede do IEGPS. A entrada é libre até completar aforo e, previa petición, poderase emitir un certificado de asistencia para todos aqueles que asistan, cando menos, a un 80% das sesións do Coloquio.
(Programa)