XII pílula CSIC do Seminario de Estudos Galegos: “Unha ollada ao centenario do SEG aos 80 anos do IEGPS”. Decembro de 2023

(https://iegps.csic.es/wp-content/uploads/2023/02/Pildora12_Final_GAL.mp4)

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, uniuse durante o ano 2023 á efeméride do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG), institución científica e cultural predecesora do IEGPS, creada en 1923 e ligada á Universidade de Santiago de Compostela, cuxo obxectivo principal era estudar e divulgar o patrimonio cultural galego.
Neste contexto enmarcouse a produción das 12 pezas audiovisuais “Pílulas CSIC do Seminario de Estudos Galegos”, iniciativa promovida polo IEGPS co apoio da Unidade de Cultura Científica (UCC) da Delegación do CSIC en Galicia, que se concibiu para dar a coñecer o patrimonio do Seminario que se conserva no IEGPS.
A Pílula deste mes de decembro, duodécima e última da serie, acaba de ser publicada co título “Unha ollada ao Centenario do SEG aos 80 anos do IEGPS”. Nela, o actual director do IEGPS, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, ofrece unha breve explicación do que supuxo, ao seu xuízo, a actividade do SEG e a influencia que xerou no IEGPS, abundando nalgúns aspectos particulares que promoveron os membros do SEG para situar Galicia no centro das súas investigación, como foi o emprego de novidosos métodos de investigación, a práctica interdisciplinar, a xeneralización das “xeiras” ou traballo de campo ou, incluso, a práctica da hoxe chamada divulgación científica, achegando a investigación á sociedade. Facendo súas as palabras do propio Xosé Filgueira Valverde pronunciadas en 1973, considera que o SEG foi “unha entidade que traballou arreo nas facianas máis diversas da cultura polo erguemento de Galicia”.
As reflexións do director do IEGPS acompáñanse con imaxes de obxectos procedentes do SEG e custodiados no IEGPS, algúns dos cales están temporalmente nas exposicións do Centenario que se inauguraron neste 2023: a mostra “Vitrinas con historia. O Seminario de Estudos Galegos (1923-2023)”, promovida polo IEGPS; e a organizada pola Xunta de Galicia “Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura”, inaugurada o pasado mes de xullo no Museo Gaiás. Todas elas foron obras de ingreso entregadas ao SEG por algún dos seus membros do ámbito artístico ou por doazóns de particulares, socios ou protectores do SEG.
Na Pílula tamén intervén Yolanda Porto, especialista en restauración, que desenvolveu traballos de limpeza e consolidación en varias pezas do SEG que se custodian no IEGPS.

Scroll to Top