Seminario de especialización de Víctor del Arco Fernández

O próximo 28 de febreiro de 2023 terá lugar no IEGPS o seminario de especialización "Identidad, patrimonio y alimentación: una reflexión desde Galicia" impartido por Víctor del Arco.
Víctor del Arco é Investigador posdoctoral no Departamento de Antropoloxía Social e Pensamento Filosófico Español da Universidade Autónoma de Madrid, na que se doutorou en Antropoloxía no ano 2020 cunha tese que obtivo premio extraordinario no seu programa de doutoramento. Actualmente realiza unha estancia de investigación de longa duración (2022-2024) no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) en Santiago de Compostela.
A súa investigación centrouse especificamente no estudo etnográfico das marcas agroalimentarias de calidade diferenciada en contornas rurais, prestando atención á articulación e imbricación nelas das institucións, membros e consumidores en relación coa expansión dos procesos de neoliberalización, así como das prácticas, retóricas e dinámicas derivadas da implementación e xestión destas figuras. Actualmente traballa na temática dos coidados e a participación nos procesos de activación patrimonial tanto institucionais como comunitarios e cidadáns. Así mesmo, mantén unha liña de investigación sobre patrimonio agroalimentario centrada nos procesos de certificación en produtos singulares desde o punto de vista cultural e xeográfico como o viño, o xamón e o queixo en diferentes localizacións do estado.
No seminario, o relator propón expoñer unha serie de reflexións e comentarios que partirán da investigación etnográfica multisituada e translocal desenvolvida entre 2015 e 2020, onde estuda o caso do xamón curado con Denominación de Orixe Protexida en España. Considerando este material empírico analizará a forma en que determinados alimentos contribúen integralmente á articulación, promoción e reprodución cotiá, tanto de determinados proxectos nacionalistas, como das identidades rexionais e nacionais asociadas a eles. A singularidade do caso do xamón curado en España, a súa historia e os seus procesos de patrimonialización a través das figuras de Indicación Xeográfica do sistema europeo, servirán de exemplo vehicular para describir os usos do feito alimentario como marcador de etnicidad, fonte de lexitimidade moral e recurso pasional para a mobilización de ideas como a de patria.

Entrada libre ata completar aforo.

Scroll to Top