Seminario de especialización de Lucía Pereira-Pardo, Instituto de Ciencias del Patrimonio (INCIPIT, CSIC).

O próximo 21 de febreiro de 2024, ás 10.30 h., terá lugar no IEGPS o seminario de especialización titulado “De tintas e colorantes. O potencial das técnicas de imaxe e análise non invasiva en bibliotecas e arquivos” impartido por Lucía Pereira-Pardo, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT, CSIC).
Lucía Pereira-Pardo obtivo o seu doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela, en febreiro de 2015, coa tese Evaluación de riesgos de la pintura mural de A Ribeira Sacra. Análisis de materiales y estudio ambiental”, que recibiu a cualificación de sobresaliente Cum Laude. No ano 2009, tras cursar estudos de licenciatura en Farmacia e Historia da arte, especializouse cunha bolsa do Ministerio de Cultura na análise de materiais do patrimonio nos Laboratorios do Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE), en Madrid.
Na actualidade é investigadora postdoutoral Ramón y Cajal no INCIPIT (CSIC), onde desenvolve investigacións sobre historia da arte técnica e arqueometría, mediante a análise de cultura material con múltiples técnicas analíticas non invasivas, en particular de espectroscopía e imaxe avanzada. Asímismo, é investigadora principal dos proxectos: “El museo de lo invisible. Técnicas de imagen espectral para la recuperación digital de patrimonio artístico, arqueológico y documental deteriorado”, financiado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia e o CSIC; e “Historia del arte técnica. La materialidad del color a través de análisis no invasivos y tecnologías digitales”, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Agencia Estatal de Investigación e a Unión Europea.
Antes de incorporarse ao INCIPIT, en xaneiro de 2023, foi Senior Conservation Scientist nos National Arquives do Reino Unido (2019-2022). Anos antes, entre 2018 e 2019, foi científica de conservación no Historic Royal Palaces; de 2016 a 2019 foi bolseira posdoctoral Andrew W. Mellon no departamento de Investigación Científica do Museo Británico -alí o seu proxecto foi galardoado co premio Nigel Williams Prize do Institute of Conservation (Icon) ao mellor proxecto de investigación en conservación de materiais cerámicos do Reino Unido en 2019-2020-; e finalmente, entre 2015 e 2016, foi bolseira ZSK/MINIARE no Museo Fitzwilliam da Universidade de Cambridge.

Scroll to Top