Seminario de especialización de Antón Costa Rico (Universidade de Santiago de Compostela)

O próximo 28 de xaneiro de 2025, ás 10:30 h, terá lugar no IEGPS, o seminario de especialización titulado “A historiografía educativa en Galicia: orientacións, conquistas e froitos, debilidades e interrogantes”, impartido polo Dr. Antón Costa Rico.
Antón Costa Rico é catedrático xubilado de Historia dá Educación na Universidade de Santiago de Compostela. As súas principais liñas de investigación son a política educativa e a historia da educación, con particular atención á historia educativa en Galicia.
Da súa ampla produción científica cabe destacar:  O ensino en Galicia (1980), Escolas e mestres (1989), A reforma da educación. Xoán V. Viqueira e a psicopedagoxía en Galicia (1906-1936) (1996); Informe sobre a situación e estado do sistema educativo en Galicia (1995; Dir. de Informe); Fray Martín Sarmiento. La educación de la niñez y de la juventud (en colaboración) (2002); Historia da educación e da cultura en Galicia (2004); A construción do coñecemento pedagóxico. Antecedentes e desenvolvementos no século XX (2009); Luis Bello. Viaje por las escuelas de Galicia (2009); D´abord les enfants. Freinet y la educación en España (1926-1975) (2010). Así mesmo, impulsou a edición anotada en galego do texto de Dewey, Democracia e Educación (Clásicos do Pensamento Universal da USC) e do de Célestin Freinet de Codignola, en neste caso no marco da colección “Biblioteca de Pedagoxía” da Editorial Kalandraka, que dirixe (con 17 títulos no momento presente).
Nos pasados anos de 2022 e 2023 foi comisario de dúas exposicións relacionadas coa historia da educación en Santiago de Compostela: sobre o movemento internacional da Nueva Educación e sobre a educación das mulleres, respectivamente.
Ademais, foi fundador e presidente da Nova Escola Galega, movemento de renovación pedagóxica (1983- ata a actualidade); director do Instituto de Ciencias da Educación da USC; primeiro decano da Facultade de Ciencias da Educación (USC, entre 1997 e 2001); e vogal da Xunta Directiva e presidente da Sociedad Española de Historia de la Educación, SEDHE, durante o período 2005-2013.
É tamén integrante de distintos comités científicos de varios congresos españois e internacionais; membro do consello editorial da colección “História, Pensamento e Educación” da Universidade de Uberlândia (Brasil), e de varias revistas pedagóxicas academicamente acreditadas, ademais de intervir nos consellos redacción da Revista Galega de Educación (último número editado, o 90, en 2024) e de Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia de la Educación (anuario, último número o 28, tamén en 2024).
Finalmente, recibiu o Premio Internacional 2014 do Centro Italiano per la Ricerca Storico Educativa (Italia), entre outros varios recoñecementos en Galicia.

Scroll to Top