Presentación do libro “Rutas polo pasado xudeu de Galicia”

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro de investigación mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia (XUGA), presentou esta mañá o libro “Rutas polo pasado xudeu de Galicia”.
A obra, escrita en galego e castelán, dunhas 112 páxinas, está editada por Aira editorial e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O acto de presentación contou coas intervencións do director do IEGPS, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda; de María Gloria de Antonio Rubio, autora da obra; de Cesar Lorenzo, representante da editorial; e do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.
Trátase dunha guía de viaxe cuxo obxectivo é divulgar a presenza xudía en territorio galego durante a Idade Media. O contido, bilingüe, está dividido en dous grandes bloques. O primeiro, recolle aspectos xerais da presenza xudía en Galicia: as súas xuderías, alxamas, profesións, relacións internas entre os membros da comunidade, o papel das mulleres e, finalmente, o edicto de expulsión de 1492. O segundo, percorre tres roteiros turísticos deténdose en poboacións que, en maior ou menor medida, contaron con presenza xudía no seu territorio. Os itinerarios están concibidos a partir dos tres grupos de poboación que as propias autoridades xudías realizaron no século XV para a cobranza dun tributo: A Coruña, Betanzos e Pontedeume (ás que se uniu Ferrol e Viveiro); Ourense, Monforte, Ribadavia e Allariz (con Monterrei); e Baiona e Tui, ás que se sumou Santiago e Pontevedra.
Cada poboación, á súa vez, dividiuse en epígrafes fixos que, dependendo da documentación conservada, poden aparecer ou non. Estes epígrafes son: a xudería, a alxama, personaxes principais e algunhas curiosidades ou aspectos máis destacables da comunidade. A todo iso, engádese unha ou varios roteiros para percorrer o barrio xudeu e direccións de interese tales como oficinas de información, museos ou bibliotecas.
O libro pode adquirirse en librerías ou na web da propia editorial
A autora, María Gloria de Antonio Rubio, é doutora en Historia pola UNED coa tese “Las comunidades judías en Galicia, siglos XI-XV” e autora de 5 libros sobre a presenza xudía en Galicia, de máis dunha vintena de colaboracións en libros colectivos e case un centenar de artigos en revistas científicas ou de divulgación.

Scroll to Top