O IEGPS incrementa o seu patrimonio documental coa doazón do arquivo do Pazo de Froián (Sarria)

Esta mañá, 12 de marzo de 2024, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, recibiu en doazón o arquivo do Pazo de Froián (Sarria).
O acto, que tivo lugar na súa sede (San Roque, 2, Santiago de Compostela), contou coas intervencións de Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, director do IEGPS; Pablo E. Vázquez Leal, xerente do IEGPS e da Delegación do CSIC en Galicia; Antonio Platero Comesaña, bolseiro JAE Intro ICU do CSIC no IEGPS; Augusto Lagarde Gayoso, doante da documentación, en representación dos propietarios; e Carmen González Sotelo, delegada institucional do CSIC en Galicia, que pechou a sesión.
O IEGPS, cuxa misión é a análise do patrimonio e o seu papel na configuración social dos sinais identitarios de Galicia desde os séculos medievais ata a actualidade, conta cunha das bibliotecas máis valiosas e mellor nutridas de temática galega. Está aberta para consulta ao público xeral e a investigadores, sendo esencial para o desenvolvemento da actividade científica e cultural do IEGPS. Destaca polos seus fondos antigos, sobre todo de prensa local e de bibliografía histórica española, especialmente galega e portuguesa.
Neste contexto de prestixio institucional e herdanza acumulada, enmárcase a doazón de don Augusto, don José Evaristo e dona María Adela Lagarde Gayoso, como propietarios do fondo documental do pazo chamado tradicionalmente de San Saturnino de Froyán ou Freán, hoxe coñecido como de San Sadurniño de Froián.
O fondo documental doado ascende a máis dunha ducia de caixas de documentación e rolda o milleiro de escrituras manuscritas cunha cronoloxía que abarca desde a primeira metade do século XVI ata as primeiras décadas do século XX, estendéndose por un ámbito xeográfico do interior de Galicia (fundamentalmente os municipios lucenses de Sarria, Samos, Bóveda e Incio) e menciónanse, entre outras liñaxes, a diferentes liñas dos Guitián, Losada, Ribadeneira, Sánchez de Orozco e, en documentación máis contemporánea, cos Quiroga ou Gayoso, actuais propietarios do pazo. Entre estes documentos atópanse testamentos, partijas, escrituras de compra e venda, foros, arrendamentos, avinzas, apeos, ejecutorias de preitos, apuntamentos xenealóxicos e outros manuscritos referentes á xestión e administración de bens e cobranzas de rendas.
Con todo, é importante precisar que o fondo documental obxecto da doazón non é o arquivo familiar completo: polo que parece, e atendendo ao volume doutros fondos semellantes, o mesmo chegou aos seus actuais propietarios notablemente decimado.
Raquel Ordoñez Agrafojo -IEGPS, M2 do Programa INVESTIGO-; Jessica Cobas Díaz -IEGPS, Programa de Bolsas-Prácticas Fundación ONCE-CRUE 2022-2023-; e Antonio Platero Comesaña -IEGPS, Programa JAE Intro ICU do CSIC-, realizaron unha primeira revisión, limpeza, clasificación, ordenación e instalación dos documentos.
Nos próximos meses, desde o IEGPS, co apoio do CSIC e da Xunta de Galicia, prevese a catalogación e dixitalización do fondo para a súa consulta pública no Catálogo de Arquivos do CSIC e Galiciana.

Scroll to Top