Entrega no IEGPS de diplomas ás participantes no programa Cientific@s en prácticas

Esta mañá, 24 de xuño, tivo lugar no IEGPS a entrega de diplomas ás participantes no programa Cientific@s en prácticas, cuxo responsable é Jesús Rey Rocha, investigador científico do Instituto de Filosofía (CCHS, CSIC) nun acto coordinado desde a sede central do CSIC en Madrid co resto de Institutos participantes de Galicia, Asturias, Illas Baleares e Madrid. Asistiron e participaron, de maneira presencial ou en liña, o alumnado, as súas familias, o profesorado dos centros de ensino secundario, así como as direccións dos ICUS e persoal dos grupos de investigación participantes. O acto contou coa presenza da presidenta do CSIC, Eloísa del Pino; a vicepresidenta da AEAC, Carmen Andrade, e a presidenta da Red Sanitaria de Responsabilidad Social y Sostenibilidad, Ana María Díaz-Oliver.
O obxectivo deste programa é proporcionar ao alumnado de 3º da ESO e de 1º do Programa de Diversificación Curricular a oportunidade de coñecer de preto institutos de investigación do CSIC a través de estancias dunha semana de duración durante as cales participan nas súas investigacións e conviven co seu persoal de I+D+i.
No caso concreto do IEGPS, as participantes desenvolveron tarefas de investigación acerca da historia social, inspiradas polos personaxes do Panteón Real da Catedral de Santiago e, entre outras cuestións, aprenderon como abordar unha investigación bibliográfica e documental para redactar pequenas biografías prosopográficas. As dúas alumnas participantes, do IES Arcebispo Xelmírez II, recibiron o diploma acreditativo da súa participación no programa Cientific@s en prácticas da man de João Paulo Martins Ferreira, responsable das prácticas no IEGPS, e de Pablo Otero Piñeyro Maseda, director do IEGPS.
O programa Cientific@s en prácticas conta co apoio da Asociación Española para el Avance de la Ciencia (AEAC), do propio CSIC, da Red Sanitaria de Responsabilidad Civil e das fundacións Talgo, Pelayo e Pfizer.

 

Scroll to Top