Esta tarde, 4 de outubro de 2024, ás 17:00 h. tivo lugar no IEGPS a entrega da bolsa outorgada pola Fundación Talgo e Fundación Pfizer a Albani del Carmen Martínez Salgas, alumna do IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), participante no programa Cientific@s en prácticas que conta co apoio da Asociación Española para el Avance de la Ciencia (AEAC), do propio CSIC, da Red Sanitaria de Responsabilidad Civil e das fundacións Talgo, Pelayo e Pfizer.
Albani del Carmen Martínez Salgas recibiu a bolsa da man da Dr.ª Amparo Rubio Martínez, subdirectora do IEGPS; do Dr. João Paulo Martins Ferreira, responsable das prácticas no IEGPS, investigador do programa Talento Senior da GAIN no IEGPS; e de Pablo E. Vázquez Leal, xerente do mesmo Instituto.
O acto de entrega da bolsa no IEGPS foi coordinado de maneira telemática desde a sede central do CSIC en Madrid co resto de Institutos participantes de Galicia, Asturias, Illas Baleares e Madrid. Alí contou coa presenza de numerosas autoridades involucradas co programa Cientific@s en prácticas, entre outras, Ana Castro, Vicepresidenta de Innovación y Transferencia del CSIC, Gloria Fernández-Mayoralas (Directora do Centro de Ciencias Humanas y Sociales), Txetxu Ausín (Director do Instituto de Filosofía), ou Ana Mª Díaz–Oliver, presidenta da Red Sanitaria de Responsabilidad Social y Sostenibilidad (RSRS).
O obxectivo do programa, Cientific@s en prácticas, cuxo responsable é o Dr. Jesús Rey Rocha, investigador científico do Instituto de Filosofía (CCHS, CSIC), é proporcionar ao alumnado de 3º da ESO e de 1º do Programa de Diversificación Curricular a oportunidade de coñecer de preto institutos de investigación do CSIC a través de estancias dunha semana de duración durante as cales participan nas súas investigacións e conviven co seu persoal de I+D+i. No caso concreto do IEGPS, a gañadora desenvolveu tarefas de investigación acerca da historia social, inspiradas polos personaxes do Panteón Real da Catedral de Santiago e, entre outras cuestións, aprendeu como abordar unha investigación bibliográfica e documental para redactar pequenas biografías prosopográficas da época medieval.