Día das bibliotecas no IEGPS.

O IEGPS uniuse á celebración do Día das Bibliotecas (24 de outubro) cunha xornada de portas abertas (5 de novembro de 2024) na súa biblioteca, unha das máis valiosas e mellor nutridas de temática galega e constitúe, por iso, un instrumento imprescindible para o desenvolvemento do labor investigador.
A base inicial da biblioteca do IEGPS procede do desaparecido Seminario de Estudos Galegos, cuxa biblioteca fora entregada en 1941 á Universidade e reintegrada despois, previa selección feita por Salvador Parga Pondal. Co transcurso do tempo, a Biblioteca foise enriquecendo grazas ás sucesivas doazóns e depósitos dalgúns destacados estudosos; entre outras, merecen ser resaltadas as de Paulino Pedret Casado e Felipe Cordero Carrete (que adquiriron e doaron os libros e papeis de Antonio Couceiro Freijomil), José Varela de Limia e Menéndez, vizconde de San Alberto, Cándido Varela de Limia e Rueda, Juan López Suarez, fillas de Salvador Cabeza de León, Fernando Alsina González ou, xa máis recentemente, Ángel Rodríguez González.
Desde fai xa máis de tres décadas a Biblioteca permanece xestionada por funcionarios especializados, experimentando notables melloras, sobre todo por mor da informatización do seu catálogo e a súa correspondente integración na Rede de Bibliotecas do CSIC, o que permite gozar do préstamo interbibliotecario. A isto cabe engadir os resultados dunha política de adquisicións sostida no tempo, de maneira que na actualidade o fondo da Biblioteca supera as trinta mil monografías, ás cales deben sumarse o case nove mil folletos, as máis de setecentas coleccións de revistas mortas, así como as máis de trecientas vivas. En total, a suma supera amplamente os 50 000 volumes.
Isabel Romaní Fariña e Rodrigo Vázquez Pazos, responsables da biblioteca do IEGPS, ofrecerán aos asistentes unha síntese da elaboración dun fácsimil e mostrarán algúns dos que conserva a mesma no seu fondo como o tumbo A de la catedral de Santiago o Pergamino Vindel, o Atlas de Pedro Teixeira ou o Libro de los caballeros de Santiago, entre outros.
A xornada desenvolveuse de 11.30 a 13.30 horas con entrada libre e sen previa reserva.

Scroll to Top