MANUEL CHICHARRO BISI

Naceu na Coruña en 1849. Iniciou alí a súa carreira profesional e ós 14 anos entrou no estudio de Louise Sellier. Exerceu tamén como operador de Mariano Bordoy e, finalmente, asociouse con Ulisse Ferrant, instalado no Ferrol.

En 1877 independizouse e abriu un establecemento propio en Santiago, no número 34 da Rúa Nova. De alí, pasou á Rúa do Vilar.

Foi unha persoa moi implicada na sociedade do seu tempo, membro activo da Real Sociedad Económica de Amigos del País e colaborador da revista satírica Café con gotas. En 1891 foi elexido concelleiro pola candidatura liberal dinástica de Montero Ríos.

Á súa morte, en 1924, o seu estudio pasou ós seus fillos Manuel e Luís, que continuaron o oficio paterno.

MANUEL CHICHARRO BISSI, FOTÓGRAFO

Manuel Chicharro destacou na súa época porque se diferenciaba doutros compañeiros de profesión. A súa orixinalidade radica en que mentres moitos dos seus colegas se dedicaban á realización de retratos no estudio de xeito moi mecanizado e cunha técnica en ocasións non moi depurada, Chicharro foi quen de romper coa rixidez do estudio e explorar outros campos da fotografía como a arquitectura, a paisaxe ou o bodegón, apreciándose sempre un equilibrio entre o comercial e o artístico. Algunhas das súas fotografías gañaron premios en exposicións de carácter internacional como a  Exposición Universal de Filadelfia de 1876 ou a de París de 1889.

Entre o máis destacado da súa obra atópase unha colección de imaxes de Santiago de Compostela e de vilas próximas na que podemos ver as sutís variacións que sufriu a cidade ó longo de tres décadas.

En todas as fotografías apréciase claramente unha depurada técnica. As súas imaxes destacan pola súa nitidez e profundidade e por unha composición cun equilibrio abraiante. Este coidado tamén o aplicaba ó traballo de laboratorio, no que demostra meticulosidade e enxeño para a aplicación de técnicas, como as montaxes ou a manipulación das imaxes mediante retoque no propio negativo.

Non debemos desmerecer a súa importancia como fotógrafo comercial. Neste aspecto ten especial relevancia a súa intervención na catalogación dos bens históricos pertencentes ó museo da Catedral de Santiago, onde fotografou un gran número de pezas, incluíndo a totalidade do Códice Calixtino.

Merece especial atención a súa Compostela Monumental (1884), portfolio no que publicou unha serie de fotografías da cidade acompañadas por un texto do historiador Bernardo Barreiro. É a primeira obra deste tipo que ve a luz en Galicia. A súa obra delata tamén o seu interese e participación en eventos sociais como visitas a Santiago de Compostela de altos mandos do goberno e da Igrexa, a celebración da Exposición Rexional Galega de 1909 ou a chegada do ferrocarril.

Colaborou periodicamente con publicacións de carácter liberal da época (periódicos, revistas...).

A súa biografía e a súa obra falan non só dun gran fotógrafo senón tamén dun intelectual que participou persoal e profesionalmente de modo activo na sociedade do seu tempo.

Scroll to Top