A DIXITALIZACIÓN DO ARQUIVO CHICHARRO

É un proxecto impulsado polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e realizado co apoio técnico do Centro Galego das Artes da Imaxe, do Servicio de Patrimonio do CSIC e coa colaboración da empresa Signum. Desenvólvese desde o ano 2000 e terá como resultado a reproducción dixital da colección, a incorporación do seu catálogo ao conxunto patrimonial do CSIC e unha revalorización desta destacada figura da fotografía galega. A dixitalización da colección procura asegurar a súa conservación á vez que se preserva das manipulacións e danos inherentes á súa consulta por parte dos investigadores.Antes de proceder á dixitalización da colección, realizouse unha limpeza das placas para eliminar, no posible, as manchas de humidade e po. Isto conséguese limpando a cara da placa que ten a emulsión con auga destilada e o seu reverso con un pincel de pelo suave para evitar, na medida do posible, danar a emulsión – que é o máis delicado da placa-.

Despois, arquívase individualmente cada placa e custódiase todo o conxunto en instalacións especiais que illan o material fotográfico da humidade, da luz e dos cambios de temperatura.

A reproducción do arquivo realízase cunha cámara dixital e faise unha fotografía a cada unha das placas por separado. Para iso, colócase cada peza sobre un negatoscopio (caixa de luz) e a cámara sobre un trípode; deste xeito, ilumínase a placa por atrás e conséguese unha maior calidade. Este procedemento ten que realizarse nun cuarto totalmente a escuras para eliminar a aparición de luces parásitas na copia final.

Unha vez transferida a imaxe dixital ó ordenador, procédese ó seu tratamento, mediante un programa informático que permite retocala e mellorala. Todo este proceso asegura que se poida recuperar a imaxe inicial sen manipular nin danar físicamente o negativo orixinal. Habitualmente este tipo de operación realízase cun escáner pero, neste caso, por tratarse dun ben de carácter histórico e polo seu delicado estado de conservación, optouse pola cámara dixital, que é menos agresiva (o escáner desprende ozono e luz ultravioleta que inflúen negativamente na conservación de materiais fotográficos)

A continuación cada placa é, ademais, inventariada.

A catalogación da colección realízase dentro do programa desenvolto polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas para restaurar e poñer en valor o seu patrimonio histórico. Para isto, desenvolveuse un software específico no que se rexistran os datos máis significativos tanto da imaxe (técnica, motivo, estado de conservación…) coma do autor (pequena biografía, ámbito de producción…) e das características da dixitalización. Así, cada peza ten un número de serie e un título que a identifica, o que facilitará o acceso e a busca daquelas persoas interesadas en consultar os fondos desta colección.

Ao final deste proxecto poderá consultarse o catálogo deste arquivo fotográfico a través da web do CSIC e a nova colección (dixitalizada) estará a disposición do público na biblioteca do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Scroll to Top