A TÉCNICA FOTOGRÁFICA

Dous procesos distintos son necesarios para facer posible a fotografía: o óptico -a cámara escura- e o químico -que mendiante o uso de materiais fotosensibles (emulsión) permite fixar a imaxe sobre un soporte (de cristal, acetato...)-.

O procedemento fotográfico máis antigo é o daguerrotipo, inventado polos franceses N. Niepce e L.J.M. Daguerre e patentado en 1839. A obra acabada é unha imaxe positiva impresionada sobre unha placa (xeralmente de cobre) recuberta cunha lámina de prata. É precisa unha prolongada exposición -ó principio máis de 30 minutos- a plena luz do sol. A imaxe resultante é única, positiva e co motivo invertido lateralmente e de materialidade moi delicada; de modo habitual, dabáselles cor e os clientes recibían o producto montado nun marco cun cristal ou nunha funda.

A busca de procedementos máis doados, rápidos, menos custosos e que proporcionasen unha maior calidade ó producto final é unha constante na evolución desta técnica.

Así, xorden novos sistemas como o ambrotipo (1848) que substitúe a placa metálica por unha de cristal con colodión e elimina o invertimento da imaxe, ou o ferrotipo (1856) que emprega unha placa de metal (ferro) á que se aplica colodión e nitrato de prata. Ambos os dous procedementos permitían un único exemplar de cada imaxe pero, aínda que máis barata e rápida, non conseguiron solucionar a fraxilidade do resultado.

Outra vía para alcanzar o mesmo obxectivo foi a proposta por Fox Talbot (1841), que empregaba como soporte unha simple folla de papel que levaba as fibras superficiais impregnadas de substancias sensibles á luz (calbotipo ou talbotipo).

Contemporaneamente ó uso do negativo de colodión sobre vidro a maior parte dos fotógrafos empregaron este papel albuminado (introducido en 1850). Uniuse así á afinada técnica que permitía obter negativos máis estables e de maior calidade de imaxe un material que reflectía esa nitidez no positivo á vez que permitía varias copias da toma orixinal a baixo custo. Esta combinación permitiu o nacemento dos célebres retratos "cartón de visita", que comenzaron a producirse en 1854 e que son o producto estrela dos estudios fotográficos que se asentan nas vilas e cidades.

En 1880 aparecen placas que empregan bromuro de prata sobre unha capa de xelatina e vidro, coa que que se consigue unha sensibilidade maior que co colodión. O máis interesante deste procedemento é que a maior estabilidade dos materiais permitiu a súa fabricación industrial, de modo que as placas podían ser elaboradas nun lugar, transportadas e distribuídas sen que se alterase a súa composición química. Non obstante, a fraxilidade inherente ó vidro continuou sendo o seu principal inconveniente. Os máis importantes fabricantes foron Lumière, Agfa, Eastman e Ilfor, que chegaron a producir milleiros de unidades diarias nos primeiros anos do século XX.

O filme negativo flexible -producido por Estman Kodak desde 1889- e os papeis fotográficos modernos -desenvolvidos a partir de 1890- provocaron un novo impulso nesta arte e achegárona aínda máis ó público en xeral.

A pesar destes avances, as placas de cristal continuaron empregándose durante moito tempo porque podían ser fabricadas localmente e, sobre todo, porque proporcionaban unha calidade de imaxe que tardou en ser superada.

Scroll to Top