Celebración do 8M-2025, Día Internacional da Muller, no IEGPS coa mostra “As mulleres na Historia de Galicia: unha mostra bibliográfica”

Con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, o Comité de Igualdade do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) organiza unha mostra bibliográfica sobre as mulleres na historia de Galicia que foi elaborada a partir dunha pequena selección dos fondos custodiados na biblioteca do IEGPS, unha das máis destacadas no ámbito da humanística galega.
Para tal fin e aproveitando as “Vitrinas con historia” que permiten ao IEGPS dar visibilidade a diferentes temáticas históricas a través de catro vitrinas expostas na súa sede do Antigo Hospital de San Roque, ofrécese unha pequena mostra conmemorativa con algúns dos principais fitos bibliográficos que se foron publicando no ámbito da historia das mulleres galegas desde a Prehistoria ata a Idade Contemporánea.
En primeiro lugar, móstrase unha selección de diferentes manuais, artigos e capítulos de libros producidos ou coordinados polo persoal investigador do IEGPS en relación á historia das mulleres galegas. En segundo lugar, unha mostra bibliográfica con diferentes traballos centrados en recuperar a historia das mulleres desde a Prehistoria ata finais da Idade Media, facendo especial fincapé neste último período, por ser un dos que máis produción xerou ao respecto no ámbito galego. En terceiro lugar, dedícase unha vitrina ás letras das mulleres, o que permite recuperar algunhas das principais obras de autoras galegas, escritas tanto en galego como en castelán, que se publicaron desde o século XIX. Finalmente, e en cuarto lugar, péchase a mostra cunha sucinta selección de obras referidas á historia das mulleres de Época Moderna e da Idade Contemporánea.
En definitiva, ao longo do mes de marzo, o IEGPS e o seu Comité de Igualdade únense ás conmemoracións do 8M destacando o protagonismo feminino ao longo da historia de Galicia, unha das liñas de investigación, ademais, que se promoven cada día desde o centro. Para iso, os fondos da súa biblioteca son o mellor testemuño dalgunhas das principais liñas de traballo que preocuparon ás investigadoras e investigadoras galegos.

 

Scroll to Top