Actos conmemorativos dos 250 anos do falecemento do Padre Sarmiento. Mostra bio-bibliográfica

 

O IEGPS, centro mixto o CSIC e a Xunta de Galicia, para conmemorar os 250 anos do Padre Sarmiento, organizou unha mostra bio-bibliográfica que se inaugurará o próximo día 9 de marzo e que permanecerá aberta todo o ano 2022, no claustro alto do IEGPS. A mostra conta con testemuños e publicacións representativas dos estudos dedicados á figura e obra do sabio benedictino e complétase cunha detallada crono-bio-bibliografía que permitirá contextualizar e comprender a singular significación deste sabio ilustrado galego.
Frei Martín Sarmiento foi fillo de pais galegos, naceu en Villafranca del Bierzo (León) o 9 de marzo de 1695 e faleceu o 7 de decembro de 1772. A singular capacidade e erudición científicas do Padre Sarmiento, así como a súa enteira dedicación ao estudo e á investigación, quedou reflectida nun inxente número de obras e escritos tocantes ás materias máis dispares: historia, xeografía, paleografía, lingüística, bibliografía, filosofía, agricultura, historia natural, antropoloxía, ética, dereito, educación, política, socioloxía… O fundamento común de todo iso é o método empírico das ciencias modernas, por iso é considerado -xunto co Pai Feijóo, o seu paisano e irmán de Orde- uno dos máis destacados ilustrados españois.

Scroll to Top