A COLECCIÓN FOTOGRÁFICA DO IEGPS

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento custodia na súa biblioteca unha importante colección de imaxes anteriores ós anos 50. Non só se trata de placas de cristal de Manuel Chicharro, senón tamén de fotografías en distintos tipos de papel e postais, alcanzando o conxunto o milleiro de pezas. A elas habería que sumar o relevante fondo de revistas, libros e outras publicacións destes anos onde é factible atopar impreso o traballo dos profesionais desta arte.

O arquivo iconográfico do Instituto inclúe, ademais, un conxunto moi interesante de folletos e pregos impresos de finais do século XIX e primeiras décadas do XX, que reproducen debuxos, fotografías e gravados de importantes artistas visuais.

O proceso de formación deste arquivo fotográfico é pouco coñecido. Unha parte importante de mesmo ten a súa orixe nunha iniciativa do Seminario de Estudos Galegos que tentou recompilar imaxes de obxectos, acontecementos e paisaxes de Galicia. Foi unha tarefa asumida voluntariamente polos membros do Seminario que ordenaron e catalogaron as pezas que conseguiron.

As doazóns foron, posiblemente, o modo máis frecuente de acrecentar a colección. Os arquivos máis relevantes son, sen dúbida, o de Manuel Chicharro e o de Ksado, que colaborou co centro e depositou aquí a súa obra, devolta posteriormente ós seus herdeiros.

Scroll to Top