Seminario de especialización de Aránzazu Fernández-Quintas (ERC PollutedPast. CRETUS Institute (USC))

O próximo 13 de decembro de 2024 terá lugar no IEGPS a cuarta sesión do novo ciclo de seminarios denominados “Seminarios doctorales”, cuxo obxectivo é ofrecer ao público xeral os resultados das teses doutorais de temática afín ás liñas de investigación en curso no IEGPS defendidas nos dous últimos anos en calquera universidade ou centro de investigación, nacional ou estranxeiro. Desta maneira, os novos doutores poderán aproveitar o exercicio de defensa da súa tese doutoral e difundilo ás persoas interesadas nun ambiente máis sosegado. Esta cuarta sesión titúlase “San Clodio do Ribeiro: 100 anos de historia a través da documentación” e será impartida pola doutora Aránzazu Fernández-Quintas.
Aránzazu Fernández-Quintas obtivo o seu doutoramento na Universidade de Vigo, no ano 2024, coa tese titulada “Século e medio de vida dun mosteiro baixomedieval galego: San Clodio do Ribeiro entre 1339 e 1487”, dirixida pola Dr.ª María Beatriz Vaqueiro Díaz e o Dr. Francisco Javier Pérez Rodríguez. Na actualidade é investigadora postdoutoral no proxecto ERC CONSOLIDATOR GRANT “Pollutedpast” (N10108783) da que é IP a Dr.ª Olalla López Costas do grupo EcoPast da área de Arqueoloxía da Facultade de Xeografía e Historia da USC. O obxectivo deste proxecto é o estudo de como a contaminación ambiental por metais afectou as persoas que habitaban Europa nos períodos romano e medieval. Así mesmo, “PollutedPast” albergará estudos arqueolóxicos, paleoambientales, biogeoquímicos, médicos e antropolóxicos para abordar a contaminación no pasado.
A Dr.ª Aránzazu Fernández-Quintas participou en varios congresos e conferencias desde o ano 2012, entre os que cabe destacar: o XVII International medieval congress coa conferencia “The Role of the archivists of San Clodio do Ribeiro in the demarcation of Boundaries and their documentary preservation”, University of Leeds (2020); o International congress on medieval studies coa conferencia “An approach to the heritage management of the monastery of San Clodio through its arquive”, Western Michigan University-Kalamazoo (2020) ou o XVI International medieval congress coa conferencia “An approach to the monastic arquive of San Clodio do Ribeiro”, University of Leeds (2019).

Scroll to Top