O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento celebrou o 16º Coloquio Internacional Compostela

A Axencia Estatal Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC – Xunta de Galicia), celebrou o 16º Coloquio Internacional Compostela. Baixo o título “Peregrinaciones, santuarios y literatura de viajes en los siglos XIX y XX” e coa coordinación dos doutores Antón M. Pazos e Carlos Andrés González Paz, desenvolveuse o mércores, 6 de novembro e o xoves, 7 de novembro, contando coa inestimable colaboración da Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
Despois de tres lustros de frutífera existencia, da celebración de quince edicións, da participación de máis de cen especialistas internacionais e da publicación de oito monografías nas prestixiosas editoriais británicas Ashgate e Routledge, os “Coloquios Internacionales Compostela” consolidáronse como un relevante foro académico de análise interdisciplinar do fenómeno das peregrinacións. Neste sentido, o obxecto da décimo sexta edición foi a descrición e a análise das peregrinacións a determinados santuarios atlánticos e mediterráneos e o seu reflexo e tratamento na denominada “literatura de viajes”.
Trátase dun xénero literario universal, híbrido, factual e descritivo que, por unha banda, plásmase en forma de “relatos de viaje” (cartas, crónicas, diarios, epistolarios, guías, itinerarios ou memorias) e que, por outra banda, aparece dotado dun especial arraigamento e cultivo nos séculos XIX e XX. Neste sentido, e a modo de exemplo, no caso compostelán decimonónico poderíanse destacar a autores como Francisco de Paula Mellado (1850), János Zádori (1868), Fidel Fita Colomé e Aureliano Fernández-Guerra Orbe (1880), Daniel Urrabieta Verge (1880) ou José María Fernández Sánchez e Francisco Freire Barreiro (3 vols., 1880-1882).
No programa académico do 16º Coloquio Internacional Compostela: “Peregrinaciones, santuarios y literatura de viajes en los siglos XIX y XX” reuníronse as contribucións da doutora Tania María García Arévalo (Universidad de Granada), da doutora Milagrosa Romero Samper (Universidad CEU San Pablo), do doutor Luis Alburquerque García (ILLA, CSIC), do doutor Ángel Pérez Martínez (ILLA, CSIC), da doutora Annie Hesp (Virginia Tech, EE. UU.), do doutor Antón M. Pazos (IEGPS, CSIC – Xunta de Galicia) e do doutor José Andrés-Gallego (Universidad CEU San Pablo).

Scroll to Top