O IEGPS participa na Semana da Ciencia e a Tecnoloxía 2024 e no Mes dá Ciencia en Galego nas Bibliotecas 2024

O IEGPS organizou para a Semana da Ciencia e a Tecnoloxía 2024 diversas accións, sumándose así a outras promovidas polo resto de institutos do CSIC.
En colaboración coa Unidade de Cultura Científica (UCC) da Delegación do CSIC en Galicia, desenvolverase a actividade titulada “Camiñando pola historia de Santiago”, que ten como obxectivo contribuír á integración das persoas migrantes a través da xeración dun vínculo co patrimonio histórico. Consistirá nun roteiro guiado que abarca desde os monumentos máis significativos (Catedral, Reitorado, palacio de Rajoy etc.) ata barrios como a Rúa de San Roque e Santo Domingo de Bonaval, así como a Alameda. Será o 16 de novembro de 18.00 a 20.00 horas previa reserva a través de ucc.galicia@csic.es 
Así mesmo, enmarcadas tamén na Semana da Ciencia e a Tecnoloxía, o IEGPS promove unha actividade en Friol (Lugo) e outra en Santiago de Compostela.
En Friol (Lugo), o 16 de novembro, este instituto inaugurará a exposición itinerante “Os Nosos Castelos. San Paio de Narla e os seus señores”, organizada polo grupo de investigación Historia Social del Poder desde la Edad Media”. Consta de máis dunha ducia de paneis nos que se abordan cuestións como o espazo señorial no que se sitúa, a evolución arquitectónica da fortaleza, as liñaxes que se forxaron na súa contorna ou a súa pegada documental e mesmo literaria. Como actividades complementarias, promóvese o concurso escolar de debuxo “Debuxando os nosos castelos” e unha serie de talleres de heráldica en centros de ensino da localidade do interior lucense.
En Santiago, o IEGPS organizou o concurso escolar de debuxo “Xosé Antón García G. -Ledo. Debuxando o noso patrimonio”, iniciativa que vai camiño da súa quinta edición. O obxectivo é fomentar e involucrar ao público escolar de Primaria e Secundaria no interese polo respecto, coidado e divulgación do patrimonio histórico-artístico galego a través da expresión plástica. O certame divídese en cinco categorías (1º-2º Primaria; 3º-4º Primaria; 5º-6º Primaria; 1º-2º ESO e 3º-4º ESO) e diríxese ao alumnado de centros de ensino de Santiago de Compostela. Os premios entregaranse o 29 de novembro nun acto público no IEGPS.
Ademais, este Instituto, deseñou dous talleres enmarcados no “Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas” que se celebrarán ás 17.00 horas na Biblioteca de Galicia (Gaiás). O 16 de novembro o titulado “O Seminario de Estudos Galegos: aprende xogando”; e o 23 de novembro “¿Que é un scriptorium medieval? Obradoiro de paleografía para descifrar escrituras antigas”.

Scroll to Top