Seminario de especialización de Carmen Manso Porto (Real Academia de la Historia)

O próximo 28 de xuño de 2024, ás 10.30 h, terá lugar no IEGPS o seminario de especialización titulado "O ilustrado José Cornide (1734-1803) e os seus mapas de Galicia", impartido pola Dr.ª Carmen Manso Porto.
Doutora en Historia del Arte pola Universidad Complutense de Madrid (1990) e Profesora asociada de Historia del Arte na Universidad Autónoma de Madrid (1991-1992), é desde 1986 a responsable da Sección de Cartografía y Artes Gráficas de la Biblioteca de la Real Academia de la Historia (Madrid), desempeñando traballos de conservación e catalogación de material cartográfico, gráfico e textual, e da súa visualización na Biblioteca Digital (dispoñible na URL <https://bibliotecadigital.rah.es>).
As súas principais liñas de investigación viran en torno á arte medieval: ordes mendicantes; a cartografía antiga (fundamentalmente dos séculos XVI-XIX) e, en xeral, os séculos modernos.
É autora dunha ducia de libros entre os que cabe destacar: El arte de la Orden de Santo Domingo en la Galicia medieval, tese doutoral dirixida polo Dr. D. Serafín Moralejo Álvarez, Editorial de la Universidad Complutense de Madrid, 1991 (Colección Tesis Doctorales, nº. 117/91, 2 vols.); Arte gótico en Galicia: Los dominicos (1993, edición revisada da Tese doutoral); Don Diego Sarmiento de Acuña conde de Gondomar (1567-1626). Erudito, mecenas y bibliófilo (1996); Cartografía del siglo XVIII. Tomás López en la Real Academia de la Historia (2006), en coautoría con Antonio López Gómez -semifinalista do Premio Nacional de Historia de España 2007 (Ministerio de Cultura)-; España en mapas antiguos. Catálogo de la colección Rodríguez Torres-Ayuso (2021). A todos eles hai que engadir cinco tomos de Actas de las Cortes de Castilla (1655-1658 e 1660-1664), editadas pola Real Academia de la Historia, 1998-2006 (transcrición e confección de índices), 72 colaboracións en obras colectivas, 15 entradas no Diccionario Biográfico Español da RAH e 78 artigos en revistas especializadas, fundamentalmente de cartografía.
É, ademais, Académica correspondente da Real Academia de la Historia (2001), da Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario (2004), da Academia Portuguesa da História (2007) e da Academia Auriense-Mindoniense de San Rosendo (2012). Membro Numerario do Instituto de Estudios Madrileños (2004), do Instituto de Estudios Tudenses (2018), da Cofradía Internacional de Investigadores (2008), do Grupo de Traballo de Cartotecas Públicas Hispano-Lusas (IBERCARTO) e a súa presidenta entre 2012-2016. Tamén pertence ao Consello de Redacción de varias revistas especializadas en Historia e Arte.
Desde 2013 é designada responsable científico da Real Academia de la Historia para participar na Rede de organizacións científicas e académicas (ANEXXI), que elabora e publica o Atlas Nacional de España del siglo XXI. Neste proxecto publicou o capítulo “Evolución de la representación cartográfica de España (Primeras imágenes de España hasta el S. XVIII)” editado ao amparo do Instituto Geográfico Nacional e colabora na preparación do vol. Evolución de la imagen cartográfica de España desde sus orígenes hasta el siglo XXI.

Scroll to Top