O vindeiro martes, 25 de xuño de 2024, ás 11:00 horas, terá lugar a segunda sesión dos “Seminarios bibliográficos del IEGPS”, na cal levará a cabo a presentación e recensión crítica da obra As peregrinacións a Compostela: mito, historia e falsidades, Vigo, Xerais, 2024, do Dr. José Miguel Andrade Cernadas.
O Dr. José Miguel Andrade Cernadas (A Coruña, 1963) é catedrático de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela e na súa xa extensa traxectoria académica abordou temas relacionados co mundo monástico da Galicia medieval [por exemplo, en Monxes e mosteiros na Galicia medieval, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1995, ou El monacato benedictino y la sociedad de la Galicia medieval, Sada, Ediciós do Castro, 1997]; coa historia do Reino de Galicia [por exemplo, en “El rey García de Galicia en las fuentes historiográficas medievales”, en II Congreso Hispánico de Latín Medieval, 2 vols., León, Universidad de León, 1998, vol. 1, páxs. 211-216, O reino medieval de Galicia: crónica dunha desmemoria, Vigo, Xerais, 2020, en colaboración co Dr. Anselmo López Carreira], ou coas peregrinacións a Santiago de Compostela [por exemplo, en “Santiago y las tradiciones jacobeas: el “Locus Sancti Iacobi” y la Compostela medieval”, en La catedral de Santiago: belleza y misterio, Santiago de Compostela, Consorcio de Santiago; Madrid, Lunwerg, 2011, páxs. 18-25, “¿Viajeros o peregrinos?: algunas notas críticas sobre la peregrinación a Santiago en la Edad Media”, Minius, 22 (2014), páxs. 11-31].
As peregrinacións a Compostela: mito, historia e falsidades é un ensaio crítico sobre a evolución histórica das peregrinacións a Santiago de Compostela, ao mesmo tempo que pretende ser unha chamada de atención achega do proceso que se podería denominar “jacobeización” da historia de Galicia. Segundo o Dr. José Miguel Andrade Cernadas, trataríase dunha tendencia, afortunadamente non maioritaria, pero de certa importancia, que destaca os elementos asociados co fenómeno das peregrinacións xacobeas por encima doutras realidades da historia de Galicia. Sen dúbida, é un feito dunha gran relevancia no noso pasado e presente, mais non deixa de ser unha parte de determinadas realidades moito máis complexas e diversas.