Esta mañá, 6 de xuño de 2024, visitaron as instalacións do IEGPS Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela, e Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Ciudad Histórica de Santiago, no marco das actividades organizadas polo Instituto para conmemorar os seus oitenta anos de servició á ciencia e a cultura galegas.
A continuación dunha reunión mantida co equipo directivo do IEGPS, realizouse unha visita guiada ás instalacións do IEGPS no Antigo Hospital de San Roque. Durante o seu percorrido, persoal do Instituto explicou os ricos fondos patrimoniais que custodia o centro, moitos dos cales proceden do Seminario de Estudos Galegos, inmediato predecesor do Instituto, así como a mostra conmemorativa “Vitrinas con historia. O Seminario de Estudos Galegos (1923-2023)”. Tamén se visitaron os espazos de traballo e comentáronse as diferentes actividades científicas e culturais que se desenvolven no seu seo. O percorrido ás instalacións do IEGPS finalizou na biblioteca, unha das máis nutridas de Galicia no ámbito das ciencias históricas.