O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e da Xunta de Galicia, celebrou esta mañá, 16 de maio de 2024, un acto formal para entregar ao propietario do pazo de La Cuesta de San Clodio (Ribas de Sil, Lugo) o arquivo da citada casa señorial tras meses de ordenación e estudo no marco dun contrato de apoio tecnolóxico subscrito entre o CSIC e Pazo de La Cuesta, S. L.
O acto, que tivo lugar na sede do IEGPS (San Roque, 2, Santiago de Compostela), contou coas intervencións de Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, director do IEGPS; Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, profesor ad honorem do CSIC no IEGPS; Pablo E. Vázquez Leal, xerente do IEGPS e da Delegación do CSIC en Galicia; Antonio Platero Comesaña, bolseiro JAE Intro ICU do CSIC no IEGPS; e Manuel Bellod e Álvarez de Lorenzana, propietario do pazo de La Cuesta.
O fondo documental do arquivo de La Cuesta ascende a 48 caixas de documentación e varios libros de contas, que suman no seu conxunto máis de dous mil escrituras manuscritas cunha cronoloxía que abarca desde a primeira metade do século XVI ata o primeiro terzo do século XX. Entre os documentos entregados atópanse partijas, testamentos, escrituras de compra e venda, foros, arrendamentos, avinzas, apeos, ejecutorias de preitos, apuntamentos xenealóxicos e tamén a documentación persoal do comandante de aviación Ricardo Bellod Keller, avó do actual dono e un dos primeiros aviadores españois, así como documentos e planos vinculados ao ferrocarril e á súa entrada en Galicia por esta parte da provincia de Lugo.
O conxunto documental que foi instrumento para a administración dun patrimonio e a xustificación de dereitos diversos adquiren agora a condición de refuxio da historia familiar e, en consecuencia, da historia social dun conxunto amplísimo de persoas, lugares, situacións… de todo tipo, condición e procedencia, avanzou Antonio Platero Comesaña, bolseiro do IEGPS, Programa JAE Intro ICU do CSIC, que realizou unha primeira limpeza, clasificación, ordenación e instalación dos documentos no IEGPS.
O encargo inicial de Manuel Bellod ao Instituto, tal e como explicou Pablo S. Otero Piñeyro Maseda era acreditar, con evidencia empírica incontestable, o inicio -coa maior concreción posible- da elaboración de viño na outrora nomeada casa de la Cuesta, cuxos orixes construtivas parecen remontar ás décadas finais do século XVI, engadindo a continuación que no ámbito do patrimonio documental señorial, o equipo de profesionais, investigadores e técnicos do IEGPS, móvese como peixe na auga, pois somos un grupo de historiadores que domina o manexo da documentación tardomedieval e moderna de Galicia. As escrituras ou manuscritos ofrécennos as evidencias que permiten construír o relato histórico científico, alleo a fábulas, patrañas, rumbos ou falsidades. Sempre repito que a formación paleográfica e humanística en xeral é esencial, porque sen documentos non hai historia.
A importancia dos documentos primordiais do pazo de La Cuesta que acreditan a elaboración de viño nas adegas da casa polo menos desde o ano 1608, propiciou a firma en 2023 do contrato de apoio tecnolóxico para a edición daquelas escrituras polo grupo de investigación do IEGPS.