O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia incorpora novos investigadores que acceden á Escala de Científicos Titulares de Organismos Públicos de Investigación (OPIs). Entre eles, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento felicítase pola incorporación da doutora Patricia Martín Rodilla ao seu grupo de investigación Historia Social do Poder.
Patricia Martín Rodilla é doutora en Enxeñería Informática (2016), cunha da primeiras tese dirixida no CSIC xenuinamente híbrida entre un instituto de Humanidades do CSIC e unha facultade de enxeñería do software (Universidade Politécnica de Valencia). A tese propuxo un modelo de deseño e desenvolvemento de ferramentas software que mellora substancialmente procesos de análises de datos dos investigadores en Patrimonio Cultural en comparación con modelos previos, explorando técnicas de procesado de linguaxe natural e minería de datos, textos e procesos e as súas posibilidades de aplicación en repositorios de humanidades (fondos históricos, arqueolóxicos e algúns corpora lingüísticos).
A nova Científica Titular realizou estancias en Australia, Francia, Portugal e Chile con financiamento competitivo, e foi investigadora posdoctoral no proxecto europeo ARIADNE (Programa FP7), ademais de investigadora Juan da Cierva (CiTIUS-USC). Desde 2019 e ata a actualidade foi profesora e investigadora do Laboratorio de Recuperación de Información da Universidade da Coruña. É organizadora e membro do comité de programa de congresos internacionais, revisora en congresos e revistas especializadas en enxeñería de software, lingüística computacional, patrimonio cultural e humanidades dixitais, así como autora de numerosas publicacións nesas áreas. Desde novembro de 2023 é vocal da Xunta directiva da Sociedad de Humanidades Digitales Hispánicas (HDH).
Patricia Martín Rodilla participou en multitude de proxectos rexionais, nacionais e europeos, entre os que se poden destacar ARIADNE (FP7), SEADDA (COST Action), Big-eRisk (Early Prediction for persoal risks on massive data) ou ACME (Heritage 3.0: Argumentation and Conceptual Modelling for Enhanced Cultural Heritage Participation and Management Policies). Tamén é investigadora na rede MSCA-DN HYBRIDS.
Os seus principais intereses de investigación son as áreas de intersección entre a linguaxe, a enxeñería de software e as humanidades (por exemplo, modelado de información e ontologías, recuperación de información en humanidades, lingüística computacional, corpora sociais etc.). A investigación materialízase en novas metodoloxías de traballo, técnicas, métricas e algoritmos, recursos (coleccións de referencias, corpus, modelos lingüístico-computacionales) e na formación de novos perfís profesionais transdisciplinares nestas áreas. Estas accións contribúen de maneira decisiva cara á futura explotación intelixente da información presente en fontes textuais de todos os dominios, así como a mellora da análise de datos en disciplinas narrativas e humanísticas.