O próximo 30 de marzo de 2023 terá lugar no IEGPS o seminario de especialización “As intervencións técnicas no patrimonio cultural galego: diálogo multidisciplinar ou monólogo?”, impartido por Justo Portela Fernández.
Justo Portela Fernández é licenciado en arquitectura pola Universidade da Coruña coas especialidades de urbanismo e rehabilitación, e, actualmente, arquitecto director da Oficina de Rehabilitación do concello de Vilalba. Tamén é membro de ICOMOS-España desde maio do 2021, participando nun grupo de traballo sobre o impacto das macrogranxas no patrimonio natural e cultural.
O noso relator de hoxe ten unha ampla experiencia no seu ámbito. Tras colaborar entre 1995 e 1997 co Consorcio de Santiago, realizou diversos traballos en materia de rehabilitación e restauración do patrimonio histórico, fundamentalmente lucense. Podemos citar os seus informes e intervencións en conxuntos históricos como a igrexa neogótica parroquial de San Xoán de Becerreá (2010), os anexos ao Pazo de Velarde (2010), a igrexa románica de Vilasouto (2012), a capela barroca de San Roque de Lugo, a antiga reitoral de Melide ou a igrexa conventual de San Francisco de Lugo, entre un longo etcétera.
Entre os seus últimos traballos cómpre destacar que foi o arquitecto responsable da rehabilitación da casa reitoral de Diomondi e a súa transformación nun albergue para peregrinos, ademais da restauración da igrexa do mosteiro de Ferreira de Pallares en Guntín.
Tamén ten participado en diferentes cursos e relatorios. En relación co tema que hoxe nos ocupa podemos destacar participacións como “A necesidade da intervención pública nos cascos históricos. A Tinería en Lugo e Vilalba” (2010) ou “La patología aplicada a las cuatro fases del proceso edificatorio. El desplome parcial del Monasterio de San Paio de Diomondi” (2014).