Presentación do libro “El funcionamiento de la moneda en la economía del siglo XII en León y Castilla”, Premio Javier Conde Garriga

A Delegación Institucional do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia acolleu esta mañá, 27 de febreiro de 2023, o acto de presentación do libro “El funcionamiento de la moneda en la economía del siglo XII en León y Castilla”, número 18 da serie “Monografías de Cuadernos de Estudios Gallegos” do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC, Xunta de galicia), publicada por Editorial CSIC.
A obra, autoría de Antonio Roma Valdés, foi galardoada co Premio Javier Conde Garriga 2022, outorgado desde 1958 pola Asociación Numismática Española, entidade fundada en 1954.
O acto contou coas intervencións de Carmen González Sotelo, delegada institucional do CSIC en Galicia; Amparo Rubio Martínez, directora de “Monografías de Cuadernos de Estudios Gallegos”; Antonio Roma Valdés, autor da obra; Simeón García-Nieto Conde, presidente da Asociación Numismática Española e Pura Fernández Rodríguez, vicepresidenta Adjunta de Cultura Científica e directora de Editorial CSIC.
Ademais, asistiron Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, director do IEGPS e Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, profesor ad honorem do CSIC, fundador da colección “Monografías de Cuadernos de Estudios Gallegos” e director da mesma entre 1996 e 2014.
“El funcionamiento de la moneda en la economía del siglo XII en León y Castilla” ten dous grandes obxectivos. Por unha banda, determinar o papel da moeda acuñada nos distintos espazos económicos dentro dos reinos leonés e castelán, fixando límites e unidades de uso. Por outra banda, determinar os momentos de especial significación económica no espazo leonés que se deriven dos datos, actualmente dispoñibles, ao redor das moedas físicas coñecidas.
Co Premio Javier Conde Garriga distínguese, anualmente, ao mellor libro sobre numismática escrito en calquera das linguas de España e Portugal, así como o recoñecemento á traxectoria científica dos premiados. O premio resólvese por un tribunal de historiadores especialistas na materia e, coas súas máis de 60 anos de historia, é considerado como o máis prestixioso no ámbito da numismática. O seu primeiro premiado foi Felipe Mateu e Llopis (1958) e a última galardoada María Teresa Muñoz Serrulla (2021).
Antonio Roma Valdés (León, 1967) é licenciado en Dereito pola Universidad de Alcalá de Henares (1990) e doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (2008). Parte da súa produción científica centrouna na numismática da Idade Media, particularmente a dos espazos dos reinos de León e Castela.
As súas principais liñas de traballo nesta materia pasan polo estudo das condicións xurídicas, económicas e técnicas da produción monetaria, ademais da circulación e os usos da moeda na contorna cultural da Idade Media, escapando de aspectos meramente descritivos das moedas.
O libro pode adquirirse na librería Científica do CSIC, rúa de Serrano, 123 28006 Madrid, tel.: +34 915 680 051, libreria@csic.es; na propia web da Editorial http://editorial.csic.es; ou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, facturacion.iegps@csic.es

Scroll to Top