Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia no IEGPS

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) desenvolve estes días en Galicia, en paralelo co promovido noutras comunidades autónomas, un intenso programa de actividades para conmemorar o “11F. Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia”.
Desde o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) unímonos á conmemoración coa posta en marcha de varias iniciativas.
No twitter, lévanse a cabo varias propostas para dar visibilidade ao papel da muller na ciencia. Por unha parte, publicarase “As mulleres no Seminario de Estudos Galegos”, conxunto de fíos que aparecerán cada venres co obxectivo de destacar a presenza feminina no propio Seminario nas súas diferentes facetas, entre outras, de socias, autoras, mecenas, etc. 
Por outra parte, está previsto que o 23 de febreiro de 2023 se publique “Mulleres no SEG”/ “Mujeres en el SEG”, segunda peza audiovisual de “Pílulas CSIC do Seminario de Estudos Galegos”, iniciativa en colaboración coa UCC da Delegación do CSIC en Galicia. O obxectivo é dar a coñecer o patrimonio do Seminario que se atopa custodiado no IEGPS, herdeiro patrimonial do SEG. A peza tamén estará dispoñible na páxina web do IEGPS.
A isto únese o vídeo “En femenino: investigadoras no IEGPS”. O seu cometido é dar visibilidade ao traballo que realizan na actualidade as mulleres no IEGPS. Publícase o venres, 10 de febreiro, e estará dispoñible na páxina web do IEGPS.
No marco da edición do III ciclo de webinarios divulgativos do IEGPS “Vidas medievales en Galicia” levarase a cabo un relatorio específico con motivo do 11F. Será o 15 de febreiro de 2023 e estará impartida por Marta Cendón Fernández, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co título “Cuando el final se aproxima: la imagen de las mujeres en el arte bajomedieval gallego». Será ás 12 horas a través de CONECTA CSIC, previa inscrición a través do seguinte formulario: https://forms.gle/SvTP7NEuMXgb6JTFA.
Ademais, o 23 de febreiro de 2023 dúas das nosas compañeiras realizarán dous talleres baixo o título “Deseñando o noso escudo familiar” no CEIP Plurilingüe Quiroga Palacios. Participará o alumnado de 4º de Primaria.

Scroll to Top