(https://iegps.csic.es/wp-content/uploads/2023/02/VII_CienciasNaturais_GAL.mp4)
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, únese á efeméride do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG), institución científica e cultural creada en 1923 e ligada á Universidade de Santiago de Compostela cuxo obxectivo principal era estudar e divulgar o patrimonio cultural galego.
Neste sentido, continua a iniciativa promovida polo IEGPS, co apoio da Unidade de Cultura Científica (UCC) da Delegación do CSIC en Galicia: as “Pílulas CSIC do Seminario de Estudos Galegos”. Trátase dun total de 12 pezas audiovisuais cuxo labor é dar a coñecer o patrimonio do Seminario que se atopa custodiado no IEGPS.
A sétima destas pezas, titulada “As Ciencias Naturais no Seminario”, xira ao redor do labor realizado nestas disciplinas por membros do Seminario. Desde moi pronto, entre 1923 e 1926, constituíuse a sección “Cencias Naturás” na que traballaron, entre outros, Luís Iglesias, Isidro Parga Pondal ou Cruz Gallástegui (primeiro director da Misión Biolóxica de Galicia, integrada anos máis tarde no CSIC). Así mesmo, púxose en marcha, en colaboración coa Universidade de Santiago, o “Consultorio de plagas del campo”, o “Laboratorio de Fitopatoloxia” e o “Laboratorio de Xeoquimica”. A estas accións hai que engadir, entre outras, as achegas á publicación Terra do Deza, que ampliaron o seu horizonte estritamente humanístico co mapa xeolóxico e geoquímico e os estudos sobre aves e insectos. Xunto a eles, os estudos de Ramón M.ª Aller sobre astronomía publicados na prestixiosa revista Astronomische Nachrichten. Todas as publicacións do Seminario de Estudos Galegos en diferentes disciplinas, escritas tanto en galego como en español, axudaron a consagrar ao propio Seminario como un dos piares sobre os que se cimentou a ciencia e a cultura en Galicia