(https://iegps.csic.es/wp-content/uploads/2023/02/06-pildora_GAL.mp4)
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, únese á efeméride do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG), institución científica e cultural creada en 1923 e ligada á Universidade de Santiago de Compostela cuxo obxectivo principal era estudar e divulgar o patrimonio cultural galego.
Neste sentido, continua a iniciativa promovida polo IEGPS, co apoio da Unidade de Cultura Científica (UCC) da Delegación do CSIC en Galicia: as “Pílulas CSIC do Seminario de Estudos Galegos”. Trátase dun total de 12 pezas audiovisuais cuxo labor é dar a coñecer o patrimonio do Seminario que se atopa custodiado no IEGPS.
A sexta destas pezas, titulada «As “xeiras”», xira ao redor do traballo de campo -"xeiras"- realizado polo persoal científico das 14 seccións diferentes que formaron o Seminario. Este método interdisciplinar e participativo era totalmente novo e nel cabía todo tipo de materiais: anotacións, fotografías, apuntamentos, entrevistas, descricións debuxos, etc. Estas “xeiras” foron fundamentais para a publicación de obras como, Vila de Calvos de Randín (1930), Parroquia de Velle (1936) ou a súa obra de referencia Terra de Melide, publicada en 1933, que recolle os resultados da campaña de investigación de 1929 na que participaron membros de diversas seccións tales como, Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas, Xesús Carro ou Vicente Risco.