O próximo luns, 24 de xullo de 2023, celebrarase a sesión inicial dos seminarios internacionais do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS) titulada «Viatrices et itinera ad Loca Sancta: New Ways of Research».
Desenvolvida no marco da acción «NEOCAMIÑOS» (CSIC – Xunta de Galicia), centrada no coñecemento do fenómeno xacobeo e da súa pegada territorial, esta primeira ocasión focalizarase na análise e reflexión sobre a presenza das mulleres nas rutas e nos santuarios de peregrinación desde a Idade Media ata a Idade Moderna.
O seminario será en inglés e comezará ás 16:00 horas cunha introdución a cargo dos doutores Antón M. Pazos e Carlos Andrés González Paz, do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (CSIC – Xunta de Galicia).
Ás 16:30 horas terá lugar o relatorio de Marta González Vázquez, doutora en Historia Medieval e actual deputada no Congreso de los Diputados, sobre “Women on the Medieval Camino de Santiago”.
Ás 17:30 horas a doutora Susan Signe Morrison, da Texas State University (EE. UU.), falará sobre “Pilgrimage and Metaphor: Agency for Medieval Women Pilgrims and Writers”.
Ás 18:30 horas a doutora Allyson M. Poska, da University of Mary Washington (EE. UU.), intervirá sobre “On the Road Again: Women, Pilgrimage, and Mobility in the Early Modern Spanish Empire”.
Será un seminario híbrido, que se poderá seguir de forma presencial no Seminario “Ángel Rodríguez González” do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, pero ademais retransmitirase en directo a través de ZOOM. En ámbolos dous casos, é necesaria a inscrición previa en juangutierrez.csic@gmail.com.