Seminario de especialización de José María de Francisco Olmos e presentación do libro de Antonio Roma Valdés

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, centro mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, organizou para o vindeiro xoves, 9 de xuño, ás 10:30h horas, un seminario que leva por título “Usos cronológicos en la documentación medieval hispana. Problemática” e que estará impartido por José María de Francisco Olmos (Universidad Complutense de Madrid). Posteriormente, ás 13.00h presentarase o libro El funcionamiento de la moneda en la economía del siglo XII en León y Castilla, de Antonio Roma Valdés, publicada en Monografías de Cuadernos de Estudios Gallegos.

José María de Francisco Olmos é Licenciado en Xeografía e Historia, Doutor en Historia Medieval (UCM), coa tese “El Príncipe Heredero en las Coronas de Castilla y Aragón en la Baja Edad Media”, que conseguiu o Premio Extraordinario de Doctorado. Na actualidade é Profesor Titular de Ciencias y Técnicas Historiográficas na facultade de Ciencias de la Documentación da devandita universidade. É académico de número de diversas academias españolas e internacionais e vogal do Consello de Cultura da Comunidad de Madrid, así como director das revistas EIKON e Documenta et Instrumenta na Universidad Complutense de Madrid e Subdirector da revísta Hidalguía. É autor, entre outros títulos, de Datación Histórica. Problemas documentales en la España Medieval, Colección Apuntes de Ciencias Instrumentales y Técnicas de Investigación nº2, CECEL (CSIC), Madrid, 2011; “Los Calendarios de la Revolución Francesa. De la Era de la Libertad al calendario Republicano” en X Jornadas Científicas sobre Documentación: El calendario y la datación histórica, Madrid, 2011; "¿Qué día murió Atho de Foces?. Un problema de datación histórica”, Aragonia Sacra, nº XXII (2013), páx. 97-106. 

Antonio Roma Valdés é Licenciado en Dereito pola Universidad de Alcalá (1990) e Doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela en 2008 coa tese “Emisiones monetarias leonesas y castellanas de la Edad Media: organización, economía, tipos y fuentes”. As súas principais liñas de traballo pasan polo estudo das condicións xurídicas, económicas e técnicas da produción monetaria, ademais da circulación e os usos da moeda na contorna cultural da Idade Media, escapando de aspectos meramente descritivos das moedas. Da súa ampla produción científica cabe destacar os seus últimos títulos Las monedas leonesas y castellanas del siglo XII (2019) y El funcionamiento de la moneda en la economía del siglo XII en León y Castilla (2022). Os obxectivos desta última son, primeiro, determinar o papel da moeda acuñada nos distintos espazos económicos dentro dos reinos leonés e castelán, fixando os límites e as unidades de uso. E segundo, determinar os momentos de especial significación económica no espazo leonés que se deriven dos datos actualmente dispoñibles ao redor das moedas físicas coñecidas.

 

Scroll to Top