Seminario de especialización

O vindeiro venres, 27 de maio, terá lugar no IEGPS, ás 10.30 h., o seminario de especialización titulado “Galicia en los fondos del Archivo Histórico de la Nobleza” impartido por Aránzazu Lafuente Urién, Directora do Archivo Histórico de la Nobleza desde o ano 2016.
Aránzazu Lafuente Urién, Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense de Madrid (1987), é funcionaria de carreira do Corpo Facultativo de Arquivos desde o ano 1989. Foi Directora do Archivo Histórico Provincial de Ciudad Real (1991-1993); Directora da Sección Nobleza del Archivo Histórico Nacional (1993-2011); Xefa de Servizo de PARES (2011-2016); Membro do equipo de normas do Portal Europeo de Archivos desde 2012 ata a actualidade; membro e conselleira electa de Europeana (2014 e 2016); e desde marzo de 2016 ata a data, Directora do Archivo Histórico de la Nobleza. Arquivo que foi recentemente creado como Archivo Histórico independente do Archivo Histórico Nacional.
É, así mesmo, autora de numerosas publicacións tanto sobre arquivos nobiliarios como técnicas. Entre as primeiras cabe destacar o seu último libro, publicado en 2022, e titulado Archivos nobiliarios, que son y cómo se tratan. Entre as segundas, En torno ao nome do produtor: de las Isaar cpf-ao Ric, publicado en 2019.
O seminario dedicarase a dar a coñecer os traballos e os fondos do Archivo Histórico de la Nobleza, a especial singularidade dos fondos que custodia e os tratamentos necesarios para poñelos en valor, desde o seu ingreso no arquivo ata poñelos ao dispor dos usuarios e investigadores. Farase especial incidencia nos fondos nobiliarios de interese para o estudo das liñaxes e señoríos galegos, así doutros documentos de interese para a historia de Galicia en xeral. Abordaranse tanto os fondos xa coñecidos e consolidados pola investigación, como outros de novo ingreso cuxo contido aínda permanece inédito, e explicarase como realizar procuras e poder acceder aos documentos e ás súas imaxes.

 

Scroll to Top